A Consellaría atrasa unha semana o inicio de curso en secundaria e FP pero non aclara se seguirá garantindo a distancia mínima de seguridade de 1,5 metros

Froito do caos organizativo e dos bandazos dados, a Xunta non tivo máis remedio que adiar unha semana o comezo do curso, que lle foi comunicada simultaneamente á prensa e ás organizacións sindicais e ANPAS.

Ante a interpelación directa do secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, ao novo secretario xeral técnico da Consellaría, Manuel Vila, de se agora ou uso de mamparas e a semipresencialidade ían ser preferentes, este último deu a calada por resposta e só indicou que a semipresencialidade se aplicaría preferentemente nas ensinanzas non obrigatorias (ciclos e bacharelato). Desde o sindicato rexeitouse de fronte este cambio de criterio, defendeuse a realización de desdobres como a mellor maneira de garantir o ensino presencial e a seguridade e solicitouse expresamente que o adiamento do inicio de curso non afecte de ningún xeito ao persoal interino que deberá ser nomeado na data que estaba prevista.

Na reunión convocada esta mañá con escasa hora e media hora de antelación, e para informar o mesmo que o conselleiro estaba a dicir nunha rolda de prensa, o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, reiteroulle ao secretario xeral técnico de Educación, Manuel Vila, o mesmo que xa denunciamos ao coñecer os movementos de última hora do seu departamento. Ademais de criticar as formas, “estaba claro que a única opción que lle quedaba á Consellaría era adiar o comezo de curso ante o seu propio caos organizativo, os seus bandazos e contradicións”, manifestou Bermello na reunión que, ademais, non serviu para concretar absolutamente nada ao respecto das novas instrucións que están a dar desde a Inspección educativa aos centros e nas que se dá un paso atrás ofrecendo como alternativas aos desdobres onde non se poida garantir o metro e medio de distancia reducir esta a un metro e colocar mamparas ou optar pola semipresencialidade. 

Desde a CIG-Ensino reiterámoslle as nosas críticas porque na reunión de coordinación que tiveran coas Xefaturas Territoriais dixeron totalmente o contrario que o manifestado polo conselleiro Román Rodríguez no Consello Escolar de Galiza e pedimos explicacións para saber quen mente nesta situación. Lamentabelmente todo apunta a que as inspeccións, na súa comunicación de urxencia onte ao longo da tarde-noite aos institutos, simplemente están cumprindo ordes e todo é un plan trazado baixo a premisa de non facilitar a contratación de máis profesorado. Desde o sindicato “baixo ningún concepto estamos dispostos a que se impoñan os grupos burbulla en secundaria, FP, bacharelato e ensinanzas de réxime especial, xa que a nosa reclamación é a contraria que se estendera o metro e medio de distancia e os desdobres onde non fora posíbel ás etapas de primaria, infantil e educación especial”, apuntou Bermello na súa intervención. 

É obvio que o cambio de criterio da Consellaría non responde a razóns sanitarias, como aducen, senón a razóns meramente económicas porque o propio secretario xeral técnico o único que concretou ás preguntas de se agora as mamparas ou a semipresencialidade ían pasar a ser preferentes foi que “as medidas que se adopten estarían dentro do marco da dispoñibilidade orzamentaria”. Así pois, a nova Consellaría lonxe de recuar está eliminando os escasos avances producidos e antepoñendo o custe cero á saúde pública. 

O único que chegou a concretar Manuel Vila foi que, “en principio”, a semipresencialidade se adoptaría en ensinanzas non obrigatorias como bacharelato e ciclos medios e superiores, pero sen descartar que puidera ser aplicada en secundaria. Con respecto ás mamparas simplemente aludiu á autonomía dos centros pero de novo á pregunta directa de se estes van poder contar con todo o profesorado necesario para desdobrar en respecto a esa “autonomía”. De novo, non houbo resposta.

Profesorado interino con plenos dereitos 

Na reunión Suso Bermello amosou a súa preocupación porque o profesorado substituto e interino non saia perdendo co adiamento do inicio de curso e esixiu que se faga canto antes, mais sempre con todas as garantías e sen erros, a adxudicación de destinos para facilitar que a toma de posesión sexa coa mesma data que estaba prevista, no día 16. Ao respecto deste asunto que preocupa moito entre o colectivo máis vulnerábel do profesorado non houbo ningún compromiso por parte do secretario xeral. 

Ante este novo escenario, desde a CIG-Ensino esiximos explicacións directamente ao conselleiro. Neste momento nin o profesorado nin o alumnado se merece non saber se vai poder empezar o curso de forma presencial e con todas as garantías de seguridade posíbeis ou cales son as verdadeiras intencións do novo equipo da Consellaría que en lugar de arranxar os despropósitos do anterior semella que aínda vén para empeorar a súa xestión.

 

Volver