Golpe de man reaccionario da Consellaría para reducir a presencialidade e evitar desdobres e distancia de 1,5m en secundaria e FP

A CIG-Ensino acusa ao conselleiro Román Rodríguez de mentirlle a todos os membros do Consello Escolar de Galiza e ao conxunto da sociedade e pide explicacións e unha rectificación

Durante toda a tarde e primeiras horas da noite de onte, 10 de setembro, inspectores de educación enviaron correos electrónicos e efectuaron chamadas a todas as direccións dos centros de secundaria e FP do país para comunicarlles que, logo da reunión do día anterior (9 de setembro) mantida entre o conselleiro de Educación, os xefes e xefas territoriais e os inspectores xefes, había novos criterios que botaban abaixo o protocolo presentado o 31 de agosto e no que, para a ESO, Bacharelato e FP, se aceptaba por fin o 1,5 metros de distancia entre cadeiras cos conseguintes cambios de aulas ou desdobres que fosen necesarios.

As ordes e comunicacións amosan un golpe de man da nova “cúpula” da Consellaría con medidas e formas profundamente contrarias á suposta defensa da presencialidade e da seguridade formuladas polo conselleiro. Nalgúns casos deuse un prazo de unha hora para refacer totalmente a petición de profesorado preciso para atender os desdobres que a distancia de seguridade implicaba, mesmo chegando a indicarse expresamente que se poderían superar as ratios de 35 alumnos en Bacharelato (até chegar aos 44 nalgún caso) xa que se farían obrigatoriamente dous grupos de 22 alumnos, un presencial e outro na casa seguindo as clases por streaming.

Correos electrónicos aos que tivo acceso a CIG-Ensino indicaban que “haberá que utilizar o sistema de semipresencialidade na docencia” principalmente en Bacharelato e FP mais tamén en 3º e 4º da ESO e ciclos medios de FP.

As instrucións e chamadas das inspeccións incidían no uso de mamparas e en rebaixar a distancia a 1m no canto do 1,5m previsto obrigando a refacer todo o traballo destes últimos días. O uso destas mamparas pasaría a ter carácter prioritario en contra das afirmacións do conselleiro de Educación e da xestión da súa compra terían que encargarse os propios centros.

Román Rodríguez mentiu e debe dar explicacións.

Na reunión do Consello Escolar de Galiza o conselleiro de Educación dixo que “hai varios centros (de grande tamaño, con limitacións arquitectónicas) que se teñen dirixido á Consellería para demandar a posibilidade de implementar no ensino non obrigatorio un sistema de semipresencialidade e se propón que con autorización previa dos servizos de inspección se poida autorizar esta modalidade de ensino….para o que haberá que modificar as instrucións….dada a demanda de varios centros”.

Pois ben, o que se afirmou que era unha iniciativa dalgúns centros e que se faría só con autorización da Inspección transformouse o día seguinte nunha orde expresa da Consellaría comunicada a través da Inspección, tirando pola borda o traballo feito nos centros e, sobre todo, anulando a única decisión minimamente positiva adoptada en toda a caótica xestión da que xa podemos cualificar como crise da Consellaría: o respecto ao documento asinado tanto o 22 de xuño como o 27 de agosto pola Consellaría de Educación co Ministerio no que se ambos figuraba a distancia interpersoal de 1,5m.

A defensa da presencialidade tornouse falsa e a semipresencialidade, sen plan, sen criterios, sen ferramentas, sen consenso nin tan sequera negociación pasa a ser o novo dogma da Xunta para evitar como sexa que aumente a necesaria contratación de profesorado, mesmo a custe de incumprir novamente coas normas sanitarias e os acordos adoptados. Das aulas burbulla en infantil e primaria a Xunta pasa agora ás aulas burbulla con mampara ou coa metade do alumnado desde a casa.

A CIG-Ensino denuncia as formas e o fondo desta nova decisión, considera que o caos chega a límites desproporcionados, acusa á Consellaría de antepoñer os intereses económicos á saúde e a unha educación presencial e segura e anima ao profesorado de secundaria así como ao alumando e as familias a rebelarse contra estas medidas e participar nas mobilizacións programadas até o inicio de curso.

Por último, tendo en conta o caos creado pola propia administración, tanto polo anterior equipo como polo actual, a CIG-Ensino apoia a decisión das direccións dos IES de varias cidades e vilas galegas e esixe o aprazamento do inicio de curso e que a adxudicación de destinos provisionais se faga con todas as garantías e coa antelación suficiente para que o profesorado de nova incorporación aos centros poida estar presente nas reunións de claustro, departamento e todas aquelas preparatorias da actividade docente, evitando que se poida producir, como ten previsto a Consellaría, que miles de docentes comecen nos centros ao mesmo tempo que o alumnado.

Volver