A Consellaría arbitra un medio para subsanar erros na campaña de vacinación

Esta solución responde á petición da CIG Ensino na última mesa sectorial mentres seguimos á espera de información sobre a vacinación de persoal maior de 55 anos

Na última Mesa Sectorial a CIG Ensino solicitou unha nova reunión entre as organizacións sindicais, a Consellaría de Educación e Saúde Pública para ver de darlle solución aos erros na campaña de vacinación así como para ter toda a información sobre que vai acontecer co profesorado maior de 55 anos logo do cambio de criterio do Ministerio de Sanidade ao respecto da administración da vacina de AstraZeneca para o grupo de idade entre 56 e 65.

Nestes momentos seguimos á espera de saber se se vai producir esa reunión así como de información concreta sobre o colectivo de maiores de 55 e sobre as datas previstas para que se convoquen para seren vacinados. Desde a CIG-Ensino instamos novamente a Sanidade e Educación a que se nos informe canto antes.

Na solución arbitrada pola Consellaría de Educación para subsanar os erros na campaña de vacinación a participación das equipas directivas volve ser fundamental e a elas se dirixe unha carta para que entre o 25 e o 28 de marzo de completen os datos das incidencias e comunicando as persoas que sen motivo aparente non foron convocadas polo Sergas.

Nas mesmas instrucións para as direccións a Consellaría recorda que se debe incluír a aquel persoal docente e non docente do seu centro que atenda as ensinanzas de réxime ordinario ou especial, tamén o persoal auxiliar de conversa, así como aquel que atenda o comedor que dependa directamente do centro educativo e o persoal dos concellos que desempeñe o seu traballo nos centros educativos.

É importante que se volva facer esta solicitude aínda que xa se fixera con anterioridade por outras vías.

Volver