A Consellaría anulou arbitrariamente prazas nos CMUS Superiores no CXT do 2025.

Así o fixa unha sentenza que obriga a adxudicar unha praza de Piano a un docente a quen se lle modificou a adxudicación provisional sen ningún tipo de xustificación. A medida afectou directamente a 14 docentes e indirectamente a moitos máis.

No Concurso Xeral de Traslados do curso 2024/25 a Consellaría de Educación retirou un total de 14 prazas nos dous Conservatorios Superiores de Música do país: 6 na Coruña e 8 en Vigo. As prazas foran inicialmente incorporadas na relación de vacantes provisionais e ofertadas na adxudicación provisional de prazas. Moitas das resultas en prazas de Conservatorios Profesionais ocupadas polas persoas que acadaran as prazas nos Superiores foran igualmente anuladas, provocando unha reacción en cadea que deixou tirados a moitos docentes con claras expectativas de conseguir o destino inicialmente adxudicado.

A CIG-Ensino denunciou publicamente esa actuación da Consellaría, realizou xestións coa Dirección Xeral de Persoal e reclamou en solitario na Mesa Sectorial unha rectificación da Consellaría (mesmo contra a posición contraria dun dos sindicatos con presenza na Mesa). A administración puxo como escusa dúas cuestións: que aínda estaba sen pechar a nivel xudicial todo o relacionado coas prazas de cátedras nos CMUS Superiores e que estaba sen desenvolver a nova lei de ensinanzas artísticas que vai mudar a estrutura dos corpos docentes tanto nos conservatorios superiores como nos profesionais.

Naquel momento a CIG-Ensino xa cuestionou que a Xunta deixara todo pendente da lei estatal, cando o Ministerio avanzou que non haberá cambios nos corpos docentes até o curso 2027 e non se pode ter atados de pés e mans   a docentes que agardan desde hai tempo por novos destinos. Tampouco consideraba o sindicato que houbese naquel momento ningún motivo (como a falacia da execución de sentenzas) para retirar con carácter xeral todas as prazas. En todo caso, de existir algunha especialidade afectada por esa incerteza xudicial, debería ser unicamente na que se retirase a praza ou prazas afectadas, argumentado publicamente o motivo e evitando o malestar xeneralizado producido a ducias de docentes afectados.

Unha modificación de vacantes arbitraria e contraria a dereito

Na Mesa Sectorial a CIG-Ensino advertiu que, partindo da sentenza do TSXG gañada polo propio sindicato no ano 2018, que implicou un cambio na redacción no texto do concurso xeral de traslados galego, a Consellaría estaba actuando dun xeito arbitrario. Aquela sentenza, pioneira no ámbito estatal e que mesmo serviu de fundamentación para outras sentenzas similares, fixaba que a administración só pode eliminar prazas adxudicadas na resolución provisional se cometeu un erro.

A CIG-Ensino trasladou á Consellaría que as 14 prazas eliminadas no concurso do curso pasado eran estruturais, con horario e sen afectación por terceiras persoas, polo que a decisión de retiralas era claramente arbitraria e non conforme a dereito. Como conclusión, o sindicato exixiu na Mesa Sectorial que se atendesen todos os recursos de reposición presentados e puidesen obter destino nos CMUS as persoas que por puntuación lle corresponder. A única resposta da Consellaría foi afirmar que revisarían os recursos mais nas semanas seguintes, e tras a interpelación directa de responsábeis da CIG-Ensino, nada fixo a administración por remediar a súa actuación. Como era de agardar, as mesmas prazas anuladas no CXT volveron ser adxudicadas de novo nos destinos provisionais (CADP) do presente curso, nunha clara demostración da súa necesidade e do seu carácter estrutural.

Unha sentenza contundente que salienta a falta de seriedade e rigor da Consellaría

A sentenza acolle totalmente a argumentación presentada polos servizos xurídicos da CIG e obriga a que se lle adxudique ao profesor reclamante unha praza de Piano no CMUS Superior da Coruña. Na sentenza recóllese, como afirmou e demostrou a CIG-Ensino, que a praza reclamada non estaba afectada por ningunha litixiosidade, polo que o xuíz sentenza a “absoluta falta de motivación en relación á supresión da praza”.

A sentenza céntrase en varios aspectos determinantes para controlar a arbitrariedade da administración educativa galega e que desde a CIG-Ensino consideramos fundamental que coñeza todo o profesorado que participa nos concursos de traslados.

  • A resolución provisional de destinos no CXT non é simplemente “indicativa ou orientadora”, non constitúe para quen participa unha “mera expectativa” senón que é un “verdadeiro acto declarativo”.
  • Non se pode amparar a eliminación dunha praza ofertada provisionalmente no exercicio de potestade de autoorganización da administración porque esa capacidade relativa á planificación educativa, segundo se recolle na propia normativa, é para a oferta de prazas, non para a súa retirada.

Actuar contra a arbitrariedade e a desviación de poder da administración

O que chama a atención neste caso, ademais de pola relevancia numérica das prazas eliminadas, é que chove sobre mollado e que a Consellaría non pode alegar descoñecemento nin despiste. A CIG-Ensino advertiu aos cargos da Consellaría da irresponsabilidade que supuña a súa actuación e advertiu da sentenza previa gañada polo sindicato que limitaba a discrecionalidade da Consellaría á hora de xogar coas prazas dun concurso. A Consellaría sabía que actuaba irregularmente e, malia iso, seguiu adiante, sen preocuparlle os efectos sobre as moitas persoas afectadas.

No actual concurso de traslados volve suceder algo similar. A Consellaría non quere cubrir unhas determinadas prazas nos CMUS superiores malia non estaren afectadas por ningunha litixiosidade nin supoñer ningún problema de cara á nova configuración dos corpos docentes das ensinanzas artísticas. Con esta decisión bloquean non só esas prazas senón todas as de CMUS profesionais que serían resultas. Neste ano, a Consellaría actuou previamente, con toda certeza para evitar novas sentenzas como a gañada. Por iso, eliminou  das prazas comunicadas polas Xefaturas provinciais da Inspección Educativa ás catro Xuntas de Persoal e que poden revisarse na web da CIG-Ensino- máis do 50% das prazas. Con esta decisión, non se busca máis que blindarse fronte a futuras reclamacións, alegando que o produto das listaxes remitidas pola Inspección non é mais que un documento de traballo e que non se pode considerar como unha oferta firme mentres non se publique como tal pola Consellaría.

Así, neste concurso a Inspección informou positivamente un total de 43 prazas que na oferta provisional quedaron en 20. O reparto dos recortes é o seguinte: as 18 prazas iniciais nos CMUS superiores quedan en 9 e as 25 en CMUS profesionais quedan en 11.

A CIG-Ensino solicita a revisión de todas e cada unha das 23 prazas que non figuran na oferta provisional de vacantes e, non sendo que exista unha xustificación clara nalgunha delas, a súa incorporación na oferta e adxudicación definitiva do concurso xeral de traslados.

Como actuar para reclamar a praza ou prazas que nos interesan nun concurso de traslados?

En resumo, e de cara a todas as persoas que participamos nos CXT, temos que ter ben claro que existen mecanismos de defensa contra a arbitrariedade da Administración e que se eliminan unha praza ofertada inicialmente debemos reclamar porque só o poden facer se o xustifican, non dun xeito arbitrario.

Teñamos en conta os seguintes pasos durante todo o proceso:

  1. Fagamos seguimento das prazas que nos interesan desde o comezo. Para isto hai que ter en conta varios momentos importantes:
    • A praza ou prazas que nos interesan debe cumprir unha serie de requisitos que se poden consultar todos os anos nos CIG-Informa especiais do CXT. Se a praza non está ocupada por ninguén con dereito de reserva e cumpre eses criterios, debe ser ofertada porque é estrutural.
    • Seguir a comunicación inicial de prazas propostas pola Inspección provincial e que a CIG-Ensino fai pública no apartado do CXT da súa web. Se o que nos interesa non aparece debemos comunicarllo ao sindicato para reclamarlla á Inspección.
    • Revisar a oferta provisional de vacantes publicada pola Consellaría, xa que é a que se considera como documento válido a todos os efectos.
    • Se non aparecen nesa oferta inicial, comuniquémolas ao sindicato para reclamalas perante a Dirección Xeral. En paralelo, presentemos unha reclamación solicitando que se incorpore, coa xustificación precisa.
  2. Se unha praza foi ofertada e adxudicada provisionalmente e despois a retiran nas listaxes definitivas, reclamemos e vaiamos até o final se por puntuación nos corresponde. É o noso dereito e a nosa arma para frear a discrecionalidade da Consellaría.

Volver