A Consellaría alude á protección de datos como mantra para negar información no recoñecemento da competencia dixital docente
Non é a primeira vez que recorre a esta escusa para evitar o control e a fiscalización das súas decisións, neste caso para non xustificar por que rexeitou 33 reclamacións á resolución provisional de acreditación da CDD.
A listaxe definitiva das persoas que acadaron a acreditación publicarase no portal educativo da Consellería e no Diario Oficial de Galicia (DOG) nun prazo máximo de 6 meses, contados desde o remate do prazo de presentación de solicitudes.
Na lectura da acta da primeira reunión da comisión técnica sobre acreditación de competencias dixitais docentes fíxose alusión á petición da CIG-Ensino de que se actualice a listaxe de roles e postos docentes de acordo coas decisións internas adoptadas á hora de recoñecer de oficio determinados méritos xa que, polo que puido saber o sindicato, hai determinados méritos que se están recoñecendo e que non están publicados nos distintos apartados do portal da Consellería de Educación nos que se recolle información sobre CDD. Como exemplo a representante da CIG-Ensino preguntou sobre o recoñecemento da impartición de cursos de linguaxe administrativa en EOIs, ao que se contestou que se informaría con posterioridade.
Así mesmo, solicitouse que constase a petición de que se convoque á parte sindical ás comisións técnicas de maneira que se poida opinar e ter coñecemento de primeira man dos criterios adoptados como representantes do profesorado. A este respecto a Administración, por voz do presidente da comisión e subdirector xeral de Recursos Humanos, José Carlos Barros, indicou que revisarían esta posibilidade prestando atención a que non se incumprise a Lei de Protección de Datos. Desde a CIG-Ensino consideramos que non é unha resposta acaída dado que na propia convocatoria se establece que as organización sindicais con representación na Mesa sectorial temos dereito a formar parte da comisión con voz e sen voto e que se nos está escorando do proceso ao excluírnos das comisións técnicas e convocarnos unicamente para darnos unhas cifras e aclaracións xenéricas ás que pouco podemos achegar, ao tempo que se limita o papel de mediación entre a Administración e o profesorado.
Por outro lado, reclamamos que constase en acta a desconformidade da CIG-Ensino con que non se recoñeza o tempo traballado nunha determinada especialidade se non se é titular da mesma, é dicir: o desempeño de materias ou módulos afíns. Entendemos que se a administración considera o persoal docente capacitado para desempeñar un posto, este debe ser tido en conta a todos os efectos e que a norma pode ser cambiada, nomeadamente se temos en conta que se publicou, cómpre recordar, sen pasar pola Mesa sectorial previamente. En relación con este aspecto, fíxose constar que si se cambiou no apartado de “Acreditación de oficio pola modalidade de observación de desempeño de roles e postos docentes” para incluír o desempeño de “persoa directora de centro educativo privado-concertado”, polo que o das especialidades afíns tamén se poderían engadir.
Na presente comisión, de resolución definitiva, deuse conta de que se presentaron 34 reclamacións das que unicamente unha delas foi aceptada. Este dato evidencia a falla de transparencia do proceso e sobre o que o sindicato maioritario informou o pasado 31 de outubro. Na CIG-Ensino recibíronse numerosas protestas de persoas ás que se lle denegou o recoñecemento e que recibiron explicacións moi xenéricas de maneira que á hora de facer as reclamacións tiveron que realizalas practicamente a cegas. O froito do esforzo deste profesorado cae en saco roto vistas as cifras comentadas. Á petición de explicacións da CIG-Ensino a Administración contestou que non as podía dar segundo a referida Lei de protección de datos, o que pon de manifesto que se quere prescindir da parte sindical “como se non foramos representantes do profesorado democraticamente elixidas por el”.

