A comunidade educativa galega volveu encher as rúas para demandar un ensino público con recursos e de calidade

Profesorado, familias, alumnado, persoal auxiliar coidador, persoal non docente e colectivos sociais tomaron as prazas de 25 localidades galegas para lembrar que a educación pública é un proxecto común e garantía de xustiza social e igualdade".

No manifesto final lido en todas as convocatorias lembrouse que “o ensino público, nin se vende nin se instrumentaliza” e que “se o sistema falla estalle fallando ao alumnado máis vulnerábel”.

A tarde de onte volveu ser un exemplo de loita, de unidade e de dignidade de todos os membros que conforman a comunidade educativa galega. Miles de docentes, familias, Anpas, estudantes, persoal non docente e colectivos vinculados ao ensino ou á diversidade funcional marcharon xuntos para lembrarlle á Consellaría que “o ensino público nin se vende, nin se instrumentaliza, deféndese! Representantes dos diferentes colectivos e das organizacións convocantes (sindicatos docentes e estudantís, asembleas de centro, asociacións de profesionais do ensino, Anpas e federacións de Anpas...) foron as encargadas de dar lectura a un manifesto conxunto en todas as localidades nas que se celebraron estas mobilizacións (A Coruña, Carballo, Cee, Compostela, Ferrol, Muros, Porto do Son, Lugo, Monforte, Ribadeo, Viveiro, Ourense, O Carballiño, Verín, Pontevedra, Mos, O Porriño, Cangas, O Grove, Ponteareas, Redondela, Ponteareas, Vigo, Vila de Cruces e A Estrada). O texto salientaba que “o ensino converteuse de xeito perverso e intencionado nunha rutina burocrática e inxente. O profesorado está sobrepasado e non dá abasto, o alumnado non recibe a formación nin a atención que lle corresponde, as familias están superadas por un sistema educativo que non dá resposta ás necesidades, e o persoal de administración, servizos, limpeza e mantemento recolle as consecuencias dunha apatía e inmediatez xeralizada nos centros educativos”. Neste sentido, engadíase que “o alumnado non pode agardar por recursos nin persoas que nunca chegan. Se o sistema lle falla á persoa máis vulnerable, fállanos a cada unha de nós, polo que é preciso esixirlle á Consellería que a vontade se converta en recursos”.

Entre as principais demandas destacaron: 

  • Contar con máis profesionais e atención especializada, fundamentalmente nos departamentos de orientación, incorporando educadoras sociais que aborden a saúde mental do alumnado e a convivencia escolar desde unha perspectiva comunitaria e preventiva, e a substitución das baixas de forma inmediata para que o alumnado non quede nin un só día desatendido.
  • Ratios baixas e tempos para educar recuperando o horario lectivo recortado e poñerlle fin á asfixia burocrática
  • Infraestruturas dignas e seguras (plan urxente contra as deficiencias estruturais nos centros, como a presenza de radón ou a potabilidade da auga, mellora da salubridade e aumento do persoal acompañante nas saídas escolares para garantir a seguridade de todo o alumnado e necesidade dunha aposta real polo transporte escolar no rural como servizo básico, entre outras).
  • Dereitos laborais e igualdade real: respecto á dignidade docente con salarios ligados ao IPC e recuperación das condicións laborais e salariais que se perderon nos últimos anos e recoñecemento horario de TODAS as actividades que se desenvolven no centro, así como tamén un recoñecemento REAL do labor realizado por persoas titoras e equipos directivos. Para as familias, máis axudas e recursos que garantan que a igualdade de oportunidades sexa, por fin, unha realidade para todas as crianzas e, por útimo, un ensino no que a Xunta non exerza censura co pretexto dunha falsa neutralidade ideolóxica, porque a igualdade e os dereitos das persoas tamén teñen como punto de inicio o ensino. 

Para rematar instaron á Consellaría a realizar un cambio real das políticas educativas real e comprometéronse a continuar organizándose e mobilizándose até acadar estes obxectivos.

Volver