A comunidade educativa galega pide a fin dos recortes á Consellaría

A CIG-Ensino anuncia un curso convulso cargado de mobilizacións e folgas se a Consellaría non baixa ratios, dota de persoal aos centros, elimina burocracia e recupera o horario perdido polo profesorado. A próxima data, a folga o día 25.

O malestar e as protestas que tiveron lugar estes días nos centros galegos trasladáronse esta mañá a Compostela onde unha representación moi numerosa de profesorado, familias e alumnado manifestouse para demandar máis persoal docente e coidador e melloras no ensino público galego.

A convocatoria da CIG-Ensino, apoiada por Anpas, organizacións estudantís e colectivos docentes, obtivo un importante apoio que deixa en evidencia a propaganda que durante os últimos días despregou a Consellaría a respecto dos datos de alumnado e profesorado neste curso. Así, a secretaria nacional da federación nacionalista, Laura Arroxo, en declaracións aos medios volveu instar ao conselleiro a que dea o dato por etapas e niveis educativos “porque o único profesorado que aumenta é o da FP, que o contan nas cifras globais porque lles favorece pero non contan este alumnado, mentres que en infantil e primaria estes dous últimos anos o que hai son contratos precarios financiados con fondos europeos, como MEGA o Proa+, nos que a Xunta non pon un euro, polo que o número de profesorado é igual que nos últimos catro anos”. Ademais insistiu en que “nunca tantas medias xornadas houbo, nin itinerancias nin afíns. Nunca tantos recortes de persoal e de dereitos. Nunca tanto alumnado con diversidade sen atender. Nunca tanta burocracia. Sabémolo todos e todas ben estes días de inicio de curso”.

Neste sentido foi relevante a presenza de ANPAS de colexios e institutos nos que estes días toda a comunidade educativa reivindicou unida a dotación de persoal que precisan, sobre todo para atender a alumnado con necesidades educativas especiais, e que hoxe se sumaron á marcha pola capital galega. En particular as Anpas dos colexios de Rianxo, dado que faltan docentes no CEIP Brea Segade e no CEIP María Diéguez; do CEIP Rodríguez Cadarso de Noia, do CEIP Mestre Martíneza Alonso de Pontevedra, e do CEIP O Grupo de Ribeira, entre outros, que manteñen as mobilizacións para conseguir máis profesorado e persoal coidador.

Unha loita necesaria e inaprazábel 

Arroxo incidiu ao remate da manifestación na Praza de Praterías en que “é preciso prepararnos para unha loita que non será doada pero que é necesaria. Trátase de dereitos si, pero tamén de dignidade, a que nos roubaron ao profesorado con recorte tras recorte nos últimos anos, e a do ensino público, practicamente esmagado e que ten que pedir esmolas para funcionar baixo mínimos”. Por iso lembrou a importancia de secundar masivamente a folga convocada para o próximo 25 de setembro e apelou a todo o profesorado asistente a convencer ao resto de compañeiras e compañeiros “de que resignarse non é unha opción. Temos diante unha maioría aplastante do Partido Popular, si, pero é que o profesorado xa non ten nada que perder, porque non podemos ir a peor. E as familias que non ven atendidas as súas demandas tampouco e o alumnado, co que tecemos lazos que van máis alá da nosa función docente e ao que acompañamos en etapas decisivas da súa vida, tampouco”, salientou. 

Arroxo lembrou que coa campaña “Profesorado en loita”, o sindicato quere ir un paso máis despois de “Profesorado farto” e “O profesorado non se vende”. “Porque -insistiu- non se pode esperar nin un minuto máis para dar o golpe na mesa definitivo. Abonda xa. É preciso dicir até aquí chegamos. Esa ten que ser a nosa mensaxe e canto antes lla fagamos chegar á Consellaría antes conseguiremos os obxectivos que nos marcamos”.

RECTIFICAR, RECUPERAR, RECOÑECER.

Baixo este lema detallou eses “mínimos irrenunciábeis que pasan, “en primeiro lugar, porque a Xunta rectifique a súa política de recortes, como hoxe demandamos miles de persoas aquí. A Consellaría quita profesorado dos cupos dos centros de secundaria e FP, recorta en persoal para atención á diversidade (tanto profesorado, como auxiliares coidadores, como a rede RAOGAL), recorta na formación docente. Manipula as cifras dicindo que medio profe aquí e medio alí son dous profes, precarizando até o infinito as condicións laborais de persoal interino e substituto a quen lle segue negando o cobro do verán”.

En segundo lugar fixou como obxectivo “recuperar” os dereitos arrebatados nos últimos anos, sobre todo a respecto do horario lectivo, as 18 horas en secundaria e 21 en primaria. “Isto implica poder ter máis tempo para coordinar proxectos, para atender as titorías, para reunións, para as actividades extraescolares... O profesorado está farto de non chegar, de que non poder atender como se merece o alumnado e de que este quede sen os apoios ou desdobres que necesita”. 

E, por último, incidiu, “cómpre recoñecer, é dicir, valorar, atender, coidar... o persoal docente e as familias, que son quen apoian e sosteñen o ensino público malia o abandono da administración”. Neste obxectivo situou poder ensinar con liberdade tanto coñecementos e competencias, como educación en valores, “sen imposicións nin censura”, reducir a burocracia absurda e eliminar a inútil e negociar e mellorar a transparencia na información á comunidade educativa. 

Recollendo o sentir maioritario das persoas asistentes, Arroxo rematou a súa intervención final lembrando a folga do 25 “porque temos que seguir berrando ben alto: non aos recortes, non á censura, non á propaganda e non á burocracia. E si a condicións de traballo dignas, á baixada de ratios, a recuperar o horario lectivo, a máis especialistas e persoal para atender a diversidade. Si á unión de todas as demandas, de todas as etapas e de todos os colectivos por un ensino público de calidade”.

Volver