A comunidade educativa do IES Eduardo Pondal de Ponteceso no que estudan 400 persoas de entre 13 e 45 anos reclama máis persoal e infraestruturas seguras
Esta mañá celebrouse unha concentración convocada pola ANPA na que se reclamou máis profesorado para atender a diversidade e facer apoios, fundamentalmente na ESO e FP, e que se rematen as obras cumprindo as medidas de seguridade pertinentes.
Antes da entrada ao centro, esta mañá levouse a cabo unha concentración de protesta convocada pola ANPA na que volveron esixir unha resposta á Consellaría despois de terse posto en contacto reiteradamente coa administración sen obter ningunha resposta.
No manifesto lido durante a concentración indicábase que “non se pode ofrecer unha atención adecuada cando faltan docentes. Non se pode atender a cada alumno ou alumna como necesita cando os grupos están masificados. E tampouco se pode falar de inclusión se non hai profesionais suficientes para atender a diversidade do alumnado. No noso centro conviven arredor de 400 alumnos e alumnas, con idades que van desde os 13 ata os 45 anos. Hai alumnado da ESO, Bacharelato e diferentes ciclos formativos. Estamos falando dun centro moi diverso, no que coinciden menores que necesitan a atención e supervisión propias da súa idade con alumnado adulto que realiza actividades prácticas utilizando ferramentas, maquinaria, materiais e equipos que tamén requiren unhas condicións de seguridade específicas. Non todas as necesidades son iguais e, precisamente por iso, os recursos tampouco poden ser os mesmos para todo. Precisamos profesorado suficiente, especialistas e persoal de apoio, tendo en conta o número de alumnos, as ensinanzas que se imparten e as características do centro. Ter tantas ensinanzas diferentes non debería ser unha razón para recibir menos recursos. Debería ser xusto o contrario. A seguridade e a atención educativa teñen que estar garantidas para todas as persoas que estudan no centro, independentemente da súa idade ou da formación que estean cursando”.
Ademais tamén se expresaba a súa preocupación por como está incidindo a falta de persoal na redución de actividades ou servizos ofertados polo centro como a biblioteca, os Polos Creativos, os clubs de ciencias, os clubs de lectura, as actividades complementarias, as gardas e a vixilancia dos patios e dos espazos comúns. Neste sentido salientaban que hai grupos moi numerosos como o de 1.º da ESO, ao que estaba prevista a incorporación dun novo estudante e que non chega coa codocencia en momentos puntuais para a atención de aulas masificadas. Así mesmo, reclaman “máis especialistas que poidan atender correctamente a diversidade do alumnado e as necesidades educativas que existen no centro. A inclusión non pode quedar só escrita nos documentos. Ten que contar con profesionais e medios para facerse realidade”. En concreto, consideran necesaria unha persoa máis especialista en Pedagoxía Terapéutica e dúas persoas docentes do ámbito científico e de linguas para poder facer desdobres.
Ao mesmo tempo exixen tamén máis apoio nos talleres de FP, tal e como rezaba o manifesto. “Alí realízanse actividades prácticas con ferramentas, maquinaria, materiais e equipos que requiren atención e supervisión constantes. Non nos parece adecuado que grupos numerosos teñan que realizar estas actividades cun único profesor ou profesora, sen apoio suficiente. A seguridade non pode depender de que unha soa persoa consiga estar pendente de todo ao mesmo tempo”.
Obras inacabadas e que poñen en risco a seguridade da comunidade educativa e do persoal traballador
Outra das queixas que este centro arrastra desde o curso pasado é o mal estado das infraestruturas. A falta planificación das obras de reforma fixo que se estea combinando a actividade lectiva cuns traballos que tiñan que estar rematados antes de comezar o curso, afectando ao funcionamento normal das instalacións. “Hai valados que o alumnado pode mover, zonas que non están suficientemente protexidas e filtracións de auga que están afectando a diferentes espazos. O pasado 29 de setembro quedaron anegadas varias dependencias: a aula de debuxo, a sala de profesorado, o laboratorio, a aula de química e os baños. Tamén observamos situacións que nos preocupan relacionadas co uso dos equipos de protección individual por parte dos traballadores das obras. Non estamos falando de pequenos inconvenientes. Estamos falando de cuestións que poden afectar á seguridade de todas as persoas que están no centro cada día. Non pode ser que o alumnado e o persoal do centro teñan que convivir con estas situacións nin que sexan o propio persoal docente e traballador o que teña que estar pendente de asegurar valados ou solucionar problemas que deberían estar resoltos polos responsables das obras”.
Novas relacionadas

