A comunidade educativa de Vila de Cruces convoca unha manifestación o próximo luns para demandar as mesmas oportunidades educativas no rural

Denuncian o desmantelamento do Bacharelato de Humanidades e graves deficiencias nas infraestruturas nos centros

A CIG-Ensino apoia esta convocatoria, que sairá ás 17:30 do IES Marco do Camballón, e pide a dotación inmediata do profesorado de Latín e Grego necesario para que o seu alumnado non teña que seguir cursando estas materias a distancia.

As Anpas dos colexios de Cerdeiriñas de Piloño e da Piedade, xunto coa Anpa e a Asemblea do profesorado do IES Marco do Camballón convocan para o vindeiro luns ás cinco e media da tarde unha manifestación polas rúas de Vila de Cruces para defender o ensino público neste concello. A marcha sairá do propio instituto e súmase a unha manifestación realizada xa o curso pasado e varias concentracións desde setembro despois de non obter resposta a diferentes problemáticas denunciadas ante a Consellaría de Educación. Con esta acción reivindicativa pretenden defender as mesmas oportunidades educativas para o alumnado do rural, así como pór de manifesto que o futuro deste pasa ineludibelmente por ter unha oferta en igualdade de condicións á das áreas máis poboadas. Neste sentido, no instituto a non cobertura desde comezos de curso dunha praza de profesorado de Linguas Clásicas fai que o alumnado da modalidade de Humanidades do Bacharelato teña que cursar materias que son troncais de xeito online no IES San Clemente. Interpelado directamente o director xeral de Recursos Humanos pola CIG-Ensino por este tema comprometeuse a que esta vacante non se ía amortizar. O sindicato exixirá que se cumpra este compromiso e insiste en que se dote desta praza docente con persoal das listaxes de substitución para non prexudicar máis ao alumnado matriculado nesta modalidade no que resta de curso.

A manifestación servirá tamén para reclamar instalacións dignas nos centros educativos, que por estar no rural non poden ser tratados como de segunda por parte da administración. Neste sentido, tamén se levan producido reiteradas protestas da comunidade educativa polo retraso nas obras de reforma do Colexio da Piedade.

Volver