A CIG, UGT e os Comités do Consorcio de Benestar e Igualdade exixen a continuidade do proceso selectivo
Rolda de prensa da CIG, UGT e comités de empresa
A CIG, UGT e os Comités do Consorcio de Benestar e Igualdade exixen a continuidade do proceso selectivo
Louzao reiterou que a central non vai permitir que se paralice o proceso do concurso-oposición “en base a criterios de rendabilidade política”. “Todas as traballadoras e traballadores superaron unha oposición hai dous anos, e agora teñen que superar outro proceso selectivo, porque tiñan un contrato por obra e servizo”, aclarou o secretario da CIG-Ensino.
Dende os comités e a central afirmouse que a convocatoria conta con todas as garantías legais, pois foi “negociada, acordada e publicada”, polo que só falta convocar os exames, proba que Louzao reclamou se celebre canto antes. “Sería inaudito que por intereses políticos perversos se demorara a convocatoria. Os procesos selectivos non se poden paralizar por unhas eleccións”, afirmou.
Louzao tamén se referiu ao uso partidista que se fixo da convocatoria por parte dalgún medio de comunicación que funcionou a xeito de “voceiro” de intereses políticos limitándose a “vilipendiar, humillar e aldraxar ás/aos traballadoras/es” cuestionando a súa profesionalidade e desfigurando a realidade desta convocatoria.
Neste senso, durante a rolda tamén se fixo especial fincapé na lexitimidade do proceso, no que hai convocadas 338 prazas para centros do Consorcio en todo o País, ao contar co respaldo dos Comités provinciais e das organizacións sindicais, que representan ao 86% dos traballadores/as.
Mobilización diante da sede do PP
O Secretario Nacional da CIG-Ensino lembrou que mañá, 12 de marzo, a central ten convocada unha concentración de delegada e delegados do Consorcio para exixir o mantemento dos postos e a continuidade do proceso selectivo. “Non imos tolerar que o PP desmonte ou privatice un servizo necesario e básico como este”insitiu. A este respecto, engadiu que non se pode loitar contra a crise pondo en tela de xuízo 1.000 postos de traballo” (en referencia ao conxunto total dos profesionais do organismo).