A CIG toma a capital galega para esixir uns orzamentos da Xunta que garantan emprego e dereitos

Uns 2000 delegados/as manifestáronse dende o Parlamento até San Caetano no peche da campaña ‘Por unha Galiza con dereitos, traballo digno e igualdade’

A CIG tomou hoxe as rúas da capital galega no acto de peche da campaña ‘Por unha Galiza con dereitos, traballo digno e igualdade’ coa que a central esixe un cambio radical nos Orzamentos da Xunta para 2026 e achega unha serie de propostas ante a grave crise produtiva que atravesa o país e a constante perda de dereitos laborais da clase traballadora. O secretario xeral, Paulo Carril, que interveu ao remate da marcha que cubriu a pé a distancia entre o Parlamento e San Caetano, advertiu que a confrontación coas políticas neoliberais do Goberno galego vai ir a máis mentres siga a actuar como correa de transmisión das grandes empresas que “mercantilizan” os servizos públicos e “espolian” os nosos recursos.

A xornada de loita serviu tamén para visibilizar a numerosa e variada conflitividade laboral aberta na actualidade e da que a CIG é motor fundamental, tal e como se evidenciou no manifesto que leron de xeito coral persoas traballadoras de sectores como bombeiros/as forestais, residencias de maiores, atención á discapacidade, SAF, transporte de viaxeiros/as por estrada, sanidade pública, ensino público, limpeza hospitalaria, atención de menores, construción e automoción.

Un manifesto no que se fai fincapé en que “a Galiza que queremos non pode vivir baixo a precariedade, a explotación laboral, o abandono dos sectores produtivos e o desmantelamento dos servizos públicos” e se fai un repaso polas principais problemáticas que padecen estes sectores fundamentais. Ao mesmo tempo, incídese na importancia da clase traballadora para o funcionamento da sociedade e reclámanse servizos públicos de calidade e mellores condicións laborais. Para o que é necesario un marco regulador que defenda os convenios colectivos e potencie a negociación aquí; un marco galego de relacións laborais que permita que as persoas traballadoras galegas tomen parte activa na definición das súas condicións laborais.

Finalmente, apóstase pola loita social e sindical como motor das mudanzas que se precisan. “Isto, na CIG, sabémolo ben. Mobilizacións, folgas e reivindicacións colectivas permiten visibilizar as problemáticas, presionar polas solucións e lograr avances que sen estas accións quedarían postergados. Cada conquista laboral ou social, por pequena que sexa, é froito do compromiso colectivo e da acción mobilizadora da clase traballadora organizada na CIG”.

 

Cambio de políticas

Pola súa banda, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, apelou a un cambio radical de políticas, con actuacións urxentes contempladas nos Orzamentos do 2026 que formen parte dunhas liñas de accións de carácter estratéxico, “que a CIG concretamos nun conxunto de seis grandes medidas, como a resposta obrigada á situación que estamos a vivir”:

-Plan galego de creación de traballo digno e industrialización facendo real unha transición enerxética galega xusta.

-Recuperar, ampliar e fortalecer os servizos públicos, que prioricen o benestar colectivo fronte aos intereses do capital.

-Plan Galego pola igualdade.

-Un Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas.

-Vivenda digna e prohibición dos desafiuzamentos.

-Apertura dun proceso que supere o actual Estatuto de Autonomía en vigor para que se recoñezan os dereitos nacionais de Galiza.

Man de obra barata

Para Carril a vaga de lumes sufrida o pasado mes de agosto foi unha proba “tráxica” das consecuencias fatais das políticas do Goberno galego co monte, co rural pero, en xeral, con todo o país. “Hoxe, pouco antes da aprobación dos orzamentos da Xunta para 2016 -prevista para o 16 de decembro- confirmamos que temos uns peores Orzamentos, cunha Lei de Acompañamento que vai agravar as consecuencias letais destas políticas neoliberais”.

Políticas dirixidas por un presidente da Xunta ao que acusou de facer “seguidismo cego” das estratexias ultradereitistas da dirección do PP en Madrid, cun proxecto para o noso país que reforza a explotación colonial, que mantén a dependencia económica e política de Galiza ao sistema español, “negándose a tomar ningunha medida que permita un desenvolvemento propio co que frear o aumento do empobrecemento e as desigualdades das clases populares, así como a desertización social e industrial de moitas comarcas”.

Unha Xunta -denunciou- que converte todo o público en oportunidade de negocio para maior beneficio do privado, do capital e dos fondos de investimento, “impoñendo un modelo brutal que fomenta o turismo desordenado e descontrolado, á eucaliptización do país, mentres agonizan importantes sectores produtivos e industrias e se afonda nun modelo que consolida o espolio dos nosos recursos en favor das grandes corporacións e doutros territorios”. Mentres Galiza segue a proporcionar man de obra barata a través da emigración, nun país cada vez máis avellentado, no que o saldo vexetativo empeorou máis dun 70% nos últimos anos. “Nen tan sequera a crecente chegada de migrantes, que está sendo esencial para o mantemento de actividades produtivas, servizos e coidados, frea a perda de poboación en idade de traballar”.

Obsesión por privatizar

O secretario xeral da CIG censurou tamén a actitude dun Goberno “obsesionado” coa privatización dos servizos públicos, do ensino, da sanidade e coa mercantilización da dependencia e dos coidados, ao tempo que botou en falta un sistema público de atención ás persoas maiores e dependentes. “Por iso reivindicamos rematar con estas políticas neoliberais e superar o actual marco estatutario galego, que impón grandes limitacións para levar adiante medidas coas que avanzar en dereitos laborais, na integración social, cultural e lingüística de toda a poboación galega, sen distinción da súa nacionalidade ou orixe”.

Finalmente, insistiu en que o pobo galego ten dereito a un desenvolvemento propio. “Reclamamos exercer o dereito a decidir sobre o noso futuro, sobre o noso modelo económico e social, a dispor dun marco galego de relacións laborais, de negociación colectiva, sen interferencias nin disposicións alleas porque esta é a vía para poder facer fronte, con solucións reais e xustas, ao dereito a vivir e traballar dignamente na nosa Terra”.

Volver