A CIG solidarízase coas vítimas da DINA e apoia a manifestación promovida pola Intersindical Valenciana e outras organizacións sociais para esixir a dimisión de Mazón

A central nacionalista aprobou destinar unha partida económica para a súa xestión pola Intersindical Valenciana para axudar as persoas afectadas así como outra para a poboación cubana de Guantánamo que vén de sufrir as consecuencias do furacán Óscar.

A CIG manifesta a súa solidariedade co pobo valenciano tras a tráxica DINA que tan graves consecuencias tivo para as vidas humanas. Traslada ademais o seu apoio ás máis de vinte organizacións sociais, cívicas e sindicais que convocan, para o vindeiro 9 de novembro, unha manifestación promovida pola Intersindical Valenciana para reclamar a a dimisión do presidente da Generalitat e a depuración de responsabilidades pola mala xestión da catástrofe, que afectou gravemente a varias comarcas do País Valencià.

Xunto a estas entidades quere amosar o seu pésame e solidariedade ás familias e persoas achegadas das vítimas mortais e das aínda desaparecidas, así como ás afectadas polos danos nas súas vivendas e medios de vida. Súmase tamén á súa denuncia de que o goberno valenciano, co presidente Mazón á fronte e como máximo responsable da toma de decisións en materia de emerxencias, “demostrou unha grave falta de capacidade e eficiencia para xestionar calquera tipo de crise”, cunha resposta con máis de 12 horas de atraso, o que provocou en parte esta gran traxedia tras a catástrofe meteorolóxica.

Denúnciase tamén a responsabilidade do conselleiro de Educación, que non cancelou as clases como si fixo a Universidade de Valencia por exemplo, e mantivo abertos os centros educativos das zonas afectadas mesmo cando se cortaba a luz, poñendo en risco a integridade de alumnado e profesorado.

As entidades convocantes critican, canda isto, as empresas que obrigaron os seus traballadores e traballadoras a continuar coas actividades laborais a pesar do risco que isto supuña para a súas vidas. Así mesmo, lembran que o desmantelamento da Unidade de Emerxencias Valenciana (UVE) foi unha das primeiras decisións políticas tomadas polo popular Carlos Mazón ao chegar ao goberno e denuncian o colapso do teléfono de emerxencias 112 durante a DANA e posteriormente do teléfono de asistencia ás familias de persoas desaparecidas.

Co lema "Mazón, dimisión", as entidades organizadoras, que convidan ao resto a sumarse, alzarán a voz para denunciar a falta de previsión e neglixencia do Goberno valenciano, e para reclamar un País Valencià máis xusto, seguro e preparado para afrontar os retos sociais e climáticos actuais. As organizacións piden solucións eficaces que aborden as causas e o contexto destes desastres, así como unha revisión en profundidade do modelo económico e ubanístico do territorio valenciano.

Apoio económico

A Executiva Confederal da CIG acordou ademais destinar unha contía económica que será xestionada pola Intersindical Valenciana que puxo en marcha esta vía de solidariedade para axudar ás persoas afectadas pola DINA.

Do mesmo xeito, a central sindical vén de acordar destinar outra partida en solidariedade coa poboación cubana de Guantánamo polas consecuencias do furacán Óscar, que provocou a perda de vidas humanas e afectou a vivendas, colleitas de café, plátano e outros produtos agrícolas, destruíu infraestruturas, instalacións produtivas e equipamentos médicos e escolares.

Volver