
A CIG reclama unha suba do 5% para o persoal empregado público e unha cláusula de garantía salarial vinculada ao IPC
A Área Pública vén de iniciar a recollida de sinaturas da PNL para blindar por lei a revalorización salarial na administración xeral, o ensino e a sanidade
A Área Pública da CIG (Administración, Ensino e Saúde) compareceu en rolda de prensa este luns para reiterar as demandas para garantir a recuperación da capacidade adquisitiva do persoal empregado público e dar a coñecer a campaña de recollida de sinaturas da PNL para o estabelecemento dunha cláusula de garantía salarial, de xeito que os salarios no sector público se actualicen automaticamente cada ano en función da suba do IPC real.

As federacións da Área Pública denunciaron que o Goberno do Estado aínda non trasladou ningunha proposta de incremento para este exercicio ou os vindeiros, malia que xa nos atopamos no último trimestre do ano. O secretario nacional da CIG-Administración Pública, Luis Carballo, lembrou que a última revalorización salarial que tivo o persoal empregado público foi o cobro dos atrasos correspondentes á suba do 0,5%, que se debería ter aplicado xa en xaneiro. Un incremento, criticou, que para nada compensa a perda acumulada do 2,30% que supuxo “a estafa do acordo marco 2022-2024, asinado polos sindicatos españois co Goberno”.
Para reverter os efectos prexudiciais deste “pacto de perdas”, para este 2025 reivindicou un incremento dos salarios do 5%, con carácter retroactivo a xaneiro; a recuperación íntegra das pagas extraordinarias recortadas dende 2010 no salario base e os trienios (conceptos que dependen do Estado); e a incorporación dunha cláusula de garantía salarial vinculada ao IPC.
Carballo reclamou tamén que a negociación de calquera acordo plurianual se realice en base a estes principios e que se acorde un plan de recuperación do poder adquisitivo pedido nos últimos 15 anos que, co acumulado deste 2025, xa supera o 20%.

PNL por unha cláusula de garantía salarial
Este deterioro continuado provocou que a día de hoxe “moitas persoas traballadoras da administración teñan serias dificultades para facer fronte aos gastos derivados da vivenda ou mesmo para cubrir necesidades básicas”. De feito, os soldos dalgúns corpos e escalas básicas xa están igualados co SMI e soben grazas á alza do salario mínimo, “revelando así o nivel de deterioro retributivo do persoal público”.
No camiño da recuperación dos soldos , a CIG iniciou unha campaña de recollida de sinaturas para avalar a Proposición Non de Lei para que o Parlamento de Galiza inste á Xunta a dirixirse ao Goberno do Estado para que presente de inmediato unha proposta lexislativa que estabeleza unha cláusula de garantía salarial para o persoal empregado público, de xeito que os seus salarios se actualicen automaticamente cada ano en función da suba do IPC real. Unha suba, apuntou Luis Carballo, “que debe ser independente e complementaria dos incrementos salariais que poidan acordarse no ámbito da negociación colectiva xeral”.
Neste senso, cuestionou que CCOO, UGT e CSIF anuncien agora mobilizacións e ameacen cunha convocatoria de folga cando foron partícipes dos acordos asinados co Gobernos español que impediron a recuperación dos salarios e afondaron no empobrecemento do persoal empregado público; e cando non asumen a necesidade de blindar por lei a revalorización conforme ao IPC na administración pública. “Vai ser complicado que un acordo da mesa xeral que non teña xa recoñecida esta cláusula nos deixe nunha situación de recuperación de dereitos e moito tememos que quedemos nas mesmas condicións de perda de poder adquisitivo”.

Demandas específicas para Ensino e Saúde
Pola súa parte, Manuel Moreira, secretario nacional da CIG-Saúde, e Laura Arroxo, secretaria nacional da CIG-Ensino, abordaron as demandas específicas para o persoal empregado público da sanidade e do ensino. No contexto de negociación do Estatuto Marco, Moreira reclamoulle ao Goberno do Estado que a nova clasificación profesional leve aparellado un novo modelo retributivo que recoñeza as peculiaridades das titulacións requiridas e que se recoñeza a xubilación parcial e anticipada.
A nivel da Xunta de Galiza, advertiu que os orzamentos non contemplan medidas para solucionar os problemas reais da sanidade pública e reiterou a demanda dun plan de ordenación dos recurso humanos na Atención Primaria que contemple un novo modelo retributivo que faga máis atractivo traballar na primaria.
No relativo ao ensino público, Arroxo exixiu da Xunta de Galiza que elimine a suspensión do cobro do verán ao persoal substituto que traballe máis de cinco meses e medio ao longo dun curso; e que o profesorado especialista de sectores singulares da FP que non puido integrarse no A1 perciba o complemento salarial; e que calquera suba salarial para o persoal docente se aplique de maneira lineal para evitar discriminacións.
Novas relacionadas