A CIG presenta denuncia na Inspección de Traballo polo accidente mortal dun alumno de FP dual en Vilalba e personarase como acusación particular

A central denuncia que a empresa Demaq Galicia non cumpriu a Lei de prevención nin podía terlle encomendado tarefas de elevado risco ao operario falecido, dado que era alumno en formación.

A federación de Ensino fai un chamamento á Consellaría de Educación a tomar en serio os riscos do contexto laboral e a reformular a súa aposta pola dual intensiva na que están nestes intres matriculados máis de 3.200 estudantes en toda Galiza. O profesorado de FP leva tempo advertindo da disociación e da falta de control entre o que se inclúe no plan formativo e os resultados de aprendizaxe que se adquiren nas empresas. O sindicato lembra ademais que a formación en prevención de riscos impartida nos centros non está adaptada ás particularidades de cada centro de traballo, polo que é responsabilidade das empresas fornecela ao inicio do período formativo.

A CIG presentou denuncia o pasado venres na Inspección de Traballo de Lugo solicitando que se realicen as dilixencias de investigación necesarias para esclarecer as causas e depurar responsabilidades polo accidente que lle custou a vida a un traballador en prácticas na empresa Demaq Galicia de Vilalba. A central nacionalista trasládalle publicamente as súas condolencias á familia, ao equipo docente e ás compañeiras e compañeiros do estudante falecido e avanza que se persoará como acusación particular na causa xudicial aberta por este sinistro. 

No escrito remitido á Inspección de Traballo, a CIG salienta que existen indicios claros de que a empresa non cumpría coa lei de prevención de riscos, ao non garantir unha protección eficaz e a integridade física do operario; e ademais non está acreditado que o alumno recibira a formación teórica e práctica necesaria sobre os riscos específicos do posto que desempeñada. 

Hai que lembrar que o mozo de 24 anos estudaba unha FP dual e faleceu mentres realizaba tarefas de ensamblaxe e manipulación de estruturas metálicas de gran tonelaxe. Aínda que o convenio de colaboración subscrito pola Xunta e a empresa obriga a que o alumnado teña superada a formación en prevención antes de iniciar as prácticas, tendo en conta o currículo do ciclo, o traballador non recibiu formación específica para os riscos reais que atopou -traballar con pezas de 500kg-. Esa é unha das denuncias constantes que lle traslada o profesorado de FP á CIG-Ensino froito precisamente da distorsión existente entre a formación que se dá nos centros educativos e a realidade laboral de cada empresa. Alumnado do mesmo ciclo de dual intensiva adquire diferentes resultados de aprendizaxe e de diferentes módulos, ás veces mesmo só de un deles, durante o seu período formativo na empresa. Esta situación, que nunca se plasma tal e como é na realidade no plan formativo, causa gran malestar entre o profesorado, así como o feito de que teña que asinar antes de que o alumnado vaia á empresa que adquiriu a formación de PRL específica de cada módulo, derivando nel unha responsabilidade que, como no tráxico accidente de Vilalba, lle debe corresponder exclusivamente ás empresas adaptándoa ao seu ciclo produtivo. 

Neste sentido, a central sindical denuncia que as tarefas de alto risco que realizaba o operario no momento do accidente non se corresponden coas funcións previstas no plan de formación e incluso a avaliación de riscos da compañía non contempla a posibilidade de que persoas en prácticas realicen este tipo de actividades de alta perigosidade. 

Este sinistro mortal tamén pon en evidencia que a empresa ou carecía de procedemento de traballo en elevación ou este non se puxo en práctica xa que, de existir, levaría consigo que a zona de perigo por debaixo da carga en suspensión estivera perimetrada e ningunha persoa traballadora puidera permanecer na traxectoria da carga no caso de que esta se deprendera. Esta operación ademais debería estar dirixida por un recurso preventivo. 

Por isto, a CIG pide que se investiguen e aclaren os feitos, e unha actuación contundente para depurar as responsabilidades que poidan existir porque desenvolver a actividade laboral nun lugar de traballo en condicións saudábeis e de seguridade é un dereito e Galiza non pode permitirse nin unha soa morte laboral máis.

A CIG-Ensino exixe unha reformulación absoluta da FP dual intensiva

Para o sindicato este é o exemplo máis dramático e grave do que implica a concepción da formación dual: reducir a calidade educativa, avanzar na privatización do ensino reducindo a formación nos centros educativos e, sobre todo, fornecer as empresas de man de obra barata sen garantir a protección nin os dereitos laborais básicos do alumnado en prácticas.

Desde a implantación deste sistema a central sindical foi moi crítica coa súa concepción de base e coa aposta desaforada que fixo a Consellaría de Educación pola mesma, simplemente baseada nas necesidades das empresas, tal e como recoñece en todas as súas intervencións públicas. Desde o curso 2013 foron innumerábeis as veces que a CIG-Ensino solicitou unha regulamentación clara deste réxime cunha Orde consensuada co profesorado que ten a enorme responsabilidade de asumir a titoría da FP dual e de enfrontarse a multitude de problemáticas para as que non hai un marco normativo, alén dunha guía dixital do ano 2020 que non volveu actualizarse desde entón e que incide só en cuestións meramente administrativas. Tamén denunciou os abusos que cometeron moitas empresas, sobre todo ao comezo da súa implantación, pero que aínda se manteñen en moitos sectores e que mesmo chegaron á Valedora do Pobo. Ao tempo sinalou a discriminación que sofre o alumnado da dual intensiva, por exemplo, a respecto do acceso á Universidade en igualdade de condicións co da dual ordinaria, como reclamou na Mesa Sectorial da semana pasada. Unha mesa de negociación na que tamén denunciou que nalgúns centros se pretenda aglutinar a impartición dos módulos de Itinerario Persoal para a Empregabilidade I e II para varios ciclos á vez, sexan ou non da mesma familia profesional, o que revela a escasa importancia que lle dá precisamente a Consellaría á formación de prevención de riscos laborais adaptada a cada sector produtivo. 

Ademais, todo o que rodea a FP dual intensiva sempre estivo envolto en opacidade e falta de transparencia. Non se poden consultar todos os convenios na web da Consellaría, non se coñece a cifra exacta de alumnado matriculado nestes ciclos en Galiza (o dato máis realista e recente hai que obtelo a través do Observatorio da FP de Caixabank e fala de máis de 3.200); non se aclaran os dereitos e deberes do alumnado e fanse modificacións nos convenios dun ano para outro introducindo recortes como o feito de que para o vindeiro curso se vaia eliminar o dereito a vacacións en todos os ciclos que rematan o 31 de xullo; non se informa ao alumnado do número de horas de formación curricular e de actividade profesionalizadora que van realizar na empresa e por que van superar as 2.000 horas de formación cando se matricula, senón que se orienta intencionadamente cara ao réxime dual intensivo; non se estabelece claramente cales son as funcións a realizar pola persoa titora dual no centro educativo durante o seu período vacacional e a fórmula de compensación por traballar durante o mes de agosto; non se fixan requisitos claros e funcións para a persoa titora de dual na empresa que, en moitos casos, é a mesma para varios ciclos e apenas ten contacto co alumnado durante a súa estadía; non se sabe cales son os mecanismos para seleccionar o persoal asesor técnico para a FP dual e non se substitúen as persoas dinamizadoras cando están de baixa nin se coñece a súa data de nomeamento nin de cesamento con suficiente antelación; non se aclaran os criterios para implantar novos ciclos en dual (sobre todo de FP básica) ignorando incluso as demandas do sector produtivo da zona nin a que se debe a eliminación doutros ciclos malia ser estábeis e contar con empresas colaboradoras; libéranse as prazas destes ciclos durante o período de matrícula cando non hai empresas suficientes e, polo tanto, comeza o curso coa presión de buscalas e realizar as entrevistas pendentes; non se sabe exactamente en que réxime está o alumnado das formacións aceleradas porque semella unha dual intensiva sen sequera dereito a bolsa económica ao estar concibidas para suplir a formación que deberan fornecer as propias empresas ao seu persoal traballador...

Todo isto fai que a titoría da dual intensiva sexa unha responsabilidade que o profesorado non queira asumir e que en moitos casos acabe en mans de persoal temporal que ao cambiar de centro ten que volver no mes de setembro ao seu destino anterior para rematar as avaliacións. A CIG-Ensino defenderá sempre a exención de calquera responsabilidade xurídica por parte do profesorado que asume este cargo que se ve obrigado a realizar tarefas que a administración ten sen regular de forma intencionada. 

En resumo, a FP Dual intensiva é un foco de problemas, malestar e desconformidade tanto para alumnado, que acode á CIG en busca de asesoramento sindical, como para o profesorado entre o que sabemos que causou unha forte conmoción a nova deste tráxico accidente pero lamentabelmente ao que non lle sorprendeu. E, mentres tanto, a Consellaría de Educación segue na súa fuxida cara adiante, sen deterse a pensar que se trata de dereitos laborais pero sobre todo de vidas humanas e sen garantir mediante o seu servizo de Prevención de Riscos Laborais e a inspección educativa que calquera alumno ou alumna que vaia realizar actividade profesional ten que ter dereito a recoñecemento médico, a formación en horario laboral sobre todo en materia de prevención de riscos, a que se lle aplique a normativa de PRL, incluído o artigo 24 da Lei 31/1995 sobre a figura de Coordinación de Actividades Empresariais, a realizar só exclusivamente as actividades incluídas no currículo do ciclo formativo e a formarse sen substituír un posto de traballo, así como a dereitos básicos como ao descanso semanal, vacacións ou permisos. 

Nestes intres a Dirección Xeral de FP continúa a súa actividade diaria e a súa propaganda, aínda onte co Plan Conecta FP 23-25, desentendéndose de máis de 3.200 estudantes que son a súa responsabilidade directa aínda que estean en réxime de “cesión”, como se dunha ETT se tratara, en empresas de todo tipo en Galiza, algunhas que cumpren a normativa e outras moitas que non e nas que lamentabelmente calquera día e a calquera hora se pode producir un accidente mortal como o de Vilalba e que se podería ter evitado.

Volver