A CIG pide a dimisión da conselleira de Política Social por defender os intereses do empresariado do sector das escolas infantís e esquecer a traballadoras e crianzas
Tanto Fabiola García como Alfonso Rueda ameazan con eliminar a gratuidade desta etapa, un servizo público que se sufraga cos impostos de todos e todas e que en Galiza sostén a empresas privadas con condicións de traballo indignas e salarios de pobreza
A Conselleira de Política Social, Fabiola García, vén de afirmar que se o goberno central aproba as novas ratios para a educación infantil (4 nenos e nenas de 0-1 ano, 8 de 1 a 2 anos e 12 de 2 a 3 anos) estará en risco a gratuidade das escolas infantís en Galiza. A CIG que, a través da federación da Administración e de Ensino, defende os dereitos das traballadoras tanto das escolas públicas como privadas, cualifica esta ameaza de “intolerábel” e pide que presente inmediatamente a súa dimisión por poñerse do lado dos intereses económicos das empresas do sector e desprezar o benestar do alumnado e os dereitos laborais das traballadoras. Neste sentido cómpre poñer en situación as ratios totalmente abusivas actuais (8,13 e 20 por educadora respectivamente), que claramente imposibilitan que as crianzas estean ben atendidas e que se poidan desenvolver os proxectos educativos propios deste nivel.
O sindicato maioritario no sector, tanto público como privado, que abrangue a máis de 5.000 traballadoras en Galiza lémbralle á conselleira que a gratuidade deste servizo público esencial se financia cos impostos de todos e todas as galegas e que se destina a empresas privadas por decisión expresa do seu goberno. Neste sentido fai fincapé en que a Xunta vén de devolver 22 millóns de euros ao Estado que tiñan como fin a creación de prazas públicas. Polo tanto, a administración galega optou por manter o modelo privado financiado con cartos públicos sen que esta inxección económica supuxera ningunha mellora para as traballadoras que seguen tendo salarios nalgún caso inferiores ao SMI e unha enorme responsabilidade social.
Outro motivo que esgrime a CIG para pedir a dimisión de Fabiola García é que minte descaradamente ao dicir que se reúne con “todo o sector”, dado que só se reuniu coa parte empresarial pero négase a recibir á parte laboral desde hai máis de tres anos que lle levan pedindo reunións para abordar melloras nas condicións, a mediación para un convenio galego do sector e o paso a depender de Educación, entre outras demandas. A conselleira segue sen recibir nin aos centros públicos nin ás traballadoras dos centros privados nin ás persoas representantes legais do sector.
“É tamén intolerábel que a máxima responsábel de IGUALDADE do goberno da Xunta lance mensaxes intimidatorias e de coacción ao dicir que se van perder moitos salarios de mulleres”, indican desde a CIG. Neste sector, completamente feminizado, a conselleira de Política Social e Igualdade defende que as traballadoras teñan que estar agradecidas e conformes por ter condicións de traballo indignas e salarios de pobreza, malia o labor educativo e de protección que realizan sobre o máis valioso da sociedade galega.
Competencias plenas en materia educativa
Esta visión tena tamén o presidente da Xunta, Alfonso Rueda que tamén insiste en que as novas ratios "comprometen a gratuidade" ao non entender o concepto de gratuidade universal como un servizo público senón como o negocio sufragado por todas e todos ao sector privado.
En declaracións recentes, o presidente da Xunta de Galiza animaba ás traballadoras das escolas infantís a manifestarse en Madrid contra o goberno central. Está claro que o obxectivo desta “solidariedade” de Rueda non era apoiar as reivindicacións do persoal que traballa no sector, senón sacar rédito político dun conflito laboral. A Xunta, que ten as plenas competencias en materia educativa, podía ter baixado o cociente educadora/ número de crianzas e lonxe de facelo agora rebélase contra a intención de mudar estas ratios por parte do goberno do Estado.
Mentras Rueda acusa a Sánchez de non financiar escolas infantís en Galiza, hai apenas un ano a Consellería de Política Social devolveu ao Estado 22 dos 34 millóns de fondos europeos que lle enviara para crear máis de 3.000 prazas públicas en escolas infantís. Dado que estes cartos non podían empregarse para sufragar prazas en centros privados a administración galega optou por manter o modelo privatizador, mentres noutras CCAA se incrementaron ostensibelmente as prazas públicas nos últimos anos.
Desde a CIG sempre se defenderá un modelo público de educación e gratuito, sexa a etapa que sexa, e mentres a rede de centros sexa insuficiente a gratuidade ou o copagamento da educación privada debería ter en consideración as rendas das familias usuarias. Ademais hai que ter en conta que Galiza é o territorio do Estado co menor índice de natalidade polo que as políticas demográficas son un investimento, non un gasto.
Maltrátase ao persoal e préstase unha atención deficiente
Por outra banda, Fernando Rollán, presidente da patronal do sector (AGADEI), fala da inviabilidade económica dos centros que representa se se aproba este decreto. O que é inviábel é dar unha atención educativa de calidade con estas ratios e diso é plenamente consciente calquera persoa, sobre todo as familias, que saben da dificultade da crianza e da educación nestas idades como para facelo con até 8 bebés ou 20 nenos e nenas de máis de 2 anos nunha aula ao cargo de unha única persoa. A pregunta que deberían respostar os responsábeis políticos do PP e da patronal é se son usuarios destes servizos coas ratios actuais ou non confían en que estean ben atendidos os seus fillos e fillas e optan por outras opcións que si se poden permitir polos seus ingresos económicos. Esa é a resposta que teñen que dar publicamente porque desde o momento en que quen nos goberna opta por servizos privados de alto standing e despreza o público ou precarizado a nivel particular xa se sabe como vai xestionar os recursos públicos.
Comparativa de cocientes por educador/a e grupo e idade con outros
|
|
Aula 0-1 anos |
Aula 1-2 anos |
Aula 2-3 anos |
|
DINAMARCA |
1 educadora: 3 crianzas |
1 educadora: 3 crianzas |
1 educadora: 6 crianzas |
|
REINO UNIDO |
1:3 |
1:3 |
1:4 // 1:5 |
|
BÉLXICA |
1:5 |
1:8 |
1:8 |
|
ALEMAÑA (variable segundo o Lander Media Aprox) |
1:3 |
1:5 |
1:5 |
|
GALIZA |
1:8 |
1:13 |
1:20 |
|
PROPOSTA MODIFICACIÓN |
1:4 |
1:6 |
1:8 |
Novas relacionadas

