A CIG ocupa sedes da Xunta e do SERGAS contra a pretensión do PP de perseguir o persoal traballador de baixa médica
A central sindical clama contra a modificación do Plan de mellora da xestión e control da incapacidade temporal porque “a saúde é un dereito, enfermar non é delito”.
Representantes da CIG ocuparon esta mañá as sedes da Xunta e do SERGAS nas sete cidades galegas para impedir que se leve adiante a modificación do PP do Plan de mellora e control da incapacidade temporal, que legalizará, de forma impune, o abuso das mutuas no control das baixas por enfermidade e no sector público perseguirá mediante a contratación de máis inspección médica as persoas en situación de baixa.
As ocupacións prolongáronse até as 13:30 horas. En Compostela ocupouse a Consellaría de Sanidade; na Coruña o Departamento Territorial da Consellaría de Sanidade; en Pontevedra, o edificio da Xunta de Galiza; en Ourense a Delegación Territorial da Xunta de Galiza; en Vigo, a oficina do SERGAS e en Lugo, o edificio administrativo da Xunta, ao igual que en Ferrol.

No DOG do pasado 27 de Maio a Xunta do Partido Popular aprobou a modificación do Plan de mellora da xestión e control da incapacidade temporal (IT), un novo paso na estratexia de Rueda para converter as baixas médicas nun problema de control social e non nun problema de saúde laboral. Baixo o pretexto de combater o chamado "absentismo", o Goberno galego reforza o papel das mutuas e orienta a actuación da Inspección cara á aceleración das altas médicas.
Segundo explica o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, “de forma ilegal, pretende impoñer con todo tipo de enganos, ameazas e intimidacións que as persoas traballadoras asinen autorizacións e consentimento para que as mutuas poidan actuar de forma impune contra a saúde das persoas traballadoras”.

Campaña da patronal
Carril denuncia que esta medida do PP vén fortalecer a campaña desenvolvida pola patronal e pola Xunta para presentar ás persoas traballadoras como responsábeis do incremento das baixas laborais.
Nese sentido, explica que os propios datos amosan que “o problema non é que a clase traballadora queira traballar menos, senón que cada vez traballa en peores condicións, durante máis anos e cun sistema sanitario máis deteriorado”. Lembra que a CIG leva meses denunciando que “o chamado absentismo non é a causa do problema, senón o síntoma dun modelo laboral baseado na sobreexplotación, no envellecemento da poboación activa e nos recortes da sanidade pública”.
Denuncia ademais que o Partido Popular e a patronal facilitan así que unha proposta de alta da mutua poida derivar nunha alta efectiva inmediata cando a Inspección considere suficiente a documentación presentada. “Refórzase a capacidade de influencia das mutuas que son entidades privadas cuxo interese principal é reducir os custos derivados das prestacións por incapacidade temporal e o seu beneficio, nunca a saúde das persoas traballadoras”.
A CIG entende que, deste xeito, a Xunta recoñece implicitamente o fracaso da súa política sanitaria ao xustificar unha maior intervención das mutuas polas demoras e listas de espera existentes no sistema público. “En vez de reforzar o Sergas, aumentar persoal ou reducir os tempos de espera, opta por afondar na privatización da asistencia sanitaria”, exactamente o que a central sindical vén denunciando nos últimos anos.
No eido do sector público, no que as mutuas só teñen potestade no caso de accidentes laborais, os e as empregadas públicas verán incrementada a presión por parte da inspección médica. O presidente Rueda anunciou que a Xunta vai contratar 18 novas persoas para a inspección co obxectivo de controlar as incapacidades temporais que dan os médicos e médicas de familia á vez que pretende incentivar economicamente aos facultativos e facultativas que "non prolonguen as baixas". Unha deturpación e perversión absoluta do sistema que adolece de falta de recursos económicos e humanos, sobre todo na atención primaria, pero que sen embargo vai ver como se destinan fondos ao reforzo da contratación de de inspectores e inspectoras médicas, ademais de intentar influír na profesionalidade e na vontade do persoal sanitario.
Os datos falan
Mentres a Xunta fala de absentismo, os datos mostran unha realidade distinta: Galiza é a nación do estado con menor número de persoas de baixa, ten unha clase traballadora máis envellecida, obrigada a prolongar a súa vida laboral, sometida a maiores ritmos de traballo e cun acceso máis lento á atención sanitaria. Neste contexto, perseguir ás persoas traballadoras enfermas e fortalecer o papel das mutuas non resolve as causas do problema; simplemente traslada a presión sobre as persoas enfermas.
Por iso, fronte ás política do PP, a CIG defende que a prioridade ten que ser reforzar a sanidade pública, mellorar as condicións de traballo, reducir a xornada laboral e combater os factores que provocan enfermidade e desgaste laboral. “O que aumenta non é o absentismo: o que aumenta é o impacto dun modelo económico e social que deteriora a saúde da clase traballadora”, subliña Paulo Carril.
A CIG leva anos mobilizándose contra as mutuas pola súa xestión e abuso nas continxencias comúns, profesionais e nas baixas por accidentes de traballo. Unha xestión que avanza na privatización dos recursos públicos a favor das mutuas, uns recursos que van ser empregados para presionar as persoas traballadoras co obxectivo de reducir o absentismo sen atender a criterios médicos senón económicos e empresariais. Agora chama a nos mobilizar para impedir este intento de levar adiante esta nova medida e que o abuso das mutuas se legalice de forma impune.

