A CIG mobilízase contra o novo pacto polo emprego e a negociación colectiva apoiado por CCOO e UGT

Esta mañá celebrarónse asembleas de delegados e delegadas nas sete cidades e en Ribeira para analizar o alcance e as consecuencias do V Acordo polo Emprego e a Negociación Colectiva asinado por CCOO, UGT e CEPYME

Asembleas, concentracións e marchas, algunha como a de Compostela que rematou fronte á sede da Confederación de Empresarios de Galiza, foron o eixo dunha xornada de mobilización da Confederación Intersindical Galega contra un pacto co que se pretende limitar a suba dos salarios, malia a grave situación económica e a inflación que afecta sobre todo á clase traballadora, limitar a demanda de melloras nas condicións laborais e salariais e que abre a porta á privatización da sanidade pública a favor das mutuas. O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, denunciou expresamente que o diálogo social é “unha fosa común para enterrar dereitos” e reafirmou que “a loita é o único camiño” para conseguilos.

Durante a concentración en Compostela, na que participaron activamente delegados e delegadas da federación de Ensino, advertiu que o acordo ao que chegaron CCOO e UGT coa patronal empobrecerá os salarios, porque o incremento do 3% pactado topa coa revisión salarial anual ao 1%, aínda no caso de que o IPC fose superior e nin sequera xera atrasos, porque só sería de aplicación o 1 de xaneiro do ano seguinte. Por iso considerou que é particularmente grave que se asinen estes pactos "e máis nun momento no que os beneficios empresariais son históricos". Á vez denunciou que se cree un novo concepto, “Medida Preventiva de Conflitos”, que vén sendo un chamado á "paz social" para frear a mobilización e facilitarlle ás empresas a sinatura dos convenios.

Contratación precaria

Tamén denunciou que este acordo institucionaliza, a través dos períodos de proba, “o despedimento libre e gratuito”, como confirma o feito de que se incrementaron nun 800% os despedimentos por esta vía desde a aprobación da reforma laboral que este goberno non derrogou; que se amplía de 6 meses a 1 ano o contrato de duración determinada por circunstancias de produción; que se amplía a modalidade dos contratos fixos descontinuos a tempo parcial e a través de ETT ou as horas complementarias para os contratos a tempo parcial, o que, advertiu, “fomenta a fraude e o abuso para evitar recoñecelos como contratos a xornada completa”.

Carril rexeitou tamén toda referencia á flexibilidade so pretexto da conciliación, porque o que fai é impedila na práctica; que se utilice a mocidade como man de obra barata, por exemplo a través do fomento da FP dual, ou que se amplíen as posibiliddaes de ERTE e despedimentos colectivos xa contempladas na reforma laboral de 2012, o que “permite a inaplicación unilateral de condicións de traballo, ou a imposición de ERTE por parte das empresas, sen ningún tipo de negociación real”.

Privatización da sanidade pública

Con todo, un dos aspectos máis graves que criticou deste pacto é que se lle dá máis poder ás mutuas como vía de privatización da sanidade pública, sen ter en conta os abusos que cometen a diario, xa que van poder xestionar as baixas por IT cando se trate de problemas musculo-esqueléticos. Ademais, o propio pacto recomenda establecer acordos coas administracións para reducir a duración das baixas, culpabilizando a traballadores e traballadoras por estaren de baixa, cando é o sistema laboral e de xestión das mutuas o que falla.

O secretario xeral da CIG cuestinou, canda isto, que en materia de sinistralidade laboral non se aborden cuestións básicas como o recoñecemento de enfermidades profesionais, unha reivindicación que no ensino se repite ano tras ano, o abuso nas cadeas de subcontratación ou a participación das delegadas de prevención na saúde laboral.

Do mesmo xeito criticou o papel que se lle outorga aos Centros Especiais de Emprego e rexeitou o tratamento que se fai da discapacidade. Denunciou que estes centros non se rexen polo convenio e que manteñen a este persoal cun “salario inferior, realizando o mesmo traballo que persoas sen discapacidade”.

Por todo isto, o secretario xeral da CIG chamou a rexeitar os distintos aspectos deste acordo así como da reforma das pensións e a que a o persoal das administracións públicas  se mobilice para conseguir melloras laborais e salariais, así como para evitar a privatización dos servizos básicos: sanidade, educación e atención social, entendendo a loita como único camiño para que a clase traballadora avance e non retroceda nos seus dereitos.

Volver