A CIG mobilízase contra o acordo salarial estatal 2025-28 por constituír “un novo pacto de perdas” para o persoal empregado público

A central reclama subas do 5% para 2025 e 2026 e unha cláusula de garantía acorde ao IPC blindada por lei

Delegadas e delegados da CIG concentráronse este martes na Delegación do Goberno na Coruña para rexeitar o acordo asinado a nivel estatal para o persoal empregado público “que consolida o deterioro salarial, manipula as cifras e recicla promesas incumpridas dende hai anos”, que xa estaban incluídas no ‘Acordo Marco para unha Administración do século XXI’.

Para a Área Pública da CIG (Administración, Ensino e Saúde) estamos ante “un novo pacto de perdas”, ao situar os incrementos por debaixo do IPC real, renunciar a recuperar o desfase coa inflación do 2,3% do anterior acordo, e estabelecer un incremento medio para período de vixencia do 2,75% anual que non cubre sequera o IPC previsto (a suba para 2025 é do 2,5% e do 1,5% para 2026).

Denuncian que, unha vez máis, este pacto foi “cociñado” fóra das mesas legais de negociación, vulnerando o artigo 36.1 do EBEP, excluíndo deliberadamente a CIG e convertendo o chamado diálogo social “nun ritual baleiro no que só participan os sindicatos estatais, neste caso UGT e CSIF e coa dúbida de CCOO, para darlle cobertura a decisións tomadas de antemán polo Goberno español”.

O secretario nacional da CIG-Administración e voceiro da Área Pública, Luís Pose, cualificou de paripé a reunión da Mesa Xeral de Negociación que tivo lugar na tarde de onte e puxo énfase na información transmitida pola representante do Estado, indicando que o documento posibelmente vaia hoxe ao Consello de Ministras e Ministros para ser aprobado como RD Lei, coa pretensión de abonar a suba e os atrasos correspondentes a 2025 antes de que súa convalidación no Congreso.

Carballo advertiu das dificultades políticas que implica esta fórmula, preguntándolle á representante do Goberno español que ocorrerá se o Congreso non valida o acordo. “A resposta foi que non saben. Ante o cal cuestionamos que ademais de ser un mal acordo que pende dun fío, deixa o persoal nunha situación de absoluta inseguridade xurídica. Pois, que pasará cos cartos que cobre o persoal empregado público se non se convalida? É unha práctica intolerábel e temeraria e dende a CIG xa estamos avaliando recorrer o acordo en vía xudicial”, apuntou.

A CIG reclama unha cláusula de revisión salarial

Para encetar a recuperación do poder adquisitivo perdido polo persoal empregado público (que nos últimos 15 anos xa acumula un deterioro do 20%), a CIG trasladou hai meses unha proposta de mínimos ao Ministerio de Función Pública reclamando a introdución dunha cláusula de garantía salarial ligada ao IPC e blindada por lei, e aplicar unha suba do 5% para os anos 2025 e 2026, con efectos reatroactivos desde xaneiro.

Propostas que nin foron atendidas nin foron sequera abordadas na Mesa Xeral de Negociación ao optar o Goberno español, unha vez máis, por levar unha oferta pechada ao ámbito do diálogo social para que as centrais estatais lle deran o seu aval, “sen respectar os dereitos de negociación colectiva, a pluralidade sindical nin o papel da CIG como organización maioritaria en Galiza”.

Mais a CIG non se resigna a esta dinámica centralizadora e durante a concentración, Manuel Gallardo Canitrot, en nome da Área Pública, lembrou que a central nacionalista ten en marcha unha Proposición non de Lei para blindar por lei subas automáticas para o sector público iguais ao IPC. Neste momento, a iniciativa atópase en fase de recollida de sinaturas e agárdase que vaia a debate no Parlamento galego no primeiro trimestre de 2026.

Volver