A CIG mobilizarase contra o acordo estatal que non recupera as perdas salariais do persoal público

Convoca unha concentración diante da Delegación do Goberno na Coruña para o vindeiro martes 2 de decembro ás 11:00 horas

A CIG anunciou hoxe a convocatoria dunha mobilización o vindeiro martes 2 de decembro para amosar o rexeitamento do persoal público ao acordo asinado onte a nivel estatal “que consolida perdas salariais, manipula as cifras e recicla promesas incumpridas dende hai anos”. A proposta do Ministerio de Transformación Dixital e para a Función Pública foi ratificada por UGT e CSIF e conta co aval de CCOO, que someterá o apoio aos seus órganos de dirección.

A central sindical denuncia que este acordo salarial para o período 2025-2028 non recupera poder adquisitivo, non corrixe as perdas acumuladas e vende como avances medidas que xa foron anunciadas, pactadas e incumpridas en anos anteriores. E lamenta que o pacto fose “cociñado” fóra das mesas de negociación, vulnerando o artigo 34.1 do EBEP, excluíndo deliberadamente a CIG e convertendo o chamado diálogo social “nun ritual baleiro no que só participan os sindicatos estatais para darlle cobertura a decisións tomadas de antemán polo Executivo”.

A central denuncia que o acordo non recupera poder adquisitivo, non corrixe as perdas acumuladas e vende como avances medidas que xa foron anunciadas, pactadas e incumpridas en anos anteriores

Ao mesmo tempo, aseguran que as cifras que sosteñen o acordo están manipuladas, xa que se fala dunha suba do 11,4% acumulado até 2028, mais ocúltase que en 2025 o incremento será do 2,5% e en 2026 do 1,5%, “menos do que o propio Goberno recoñeceu como insuficiente meses atrás”. Ademais, o suposto 0,5% adicional de 2026 está condicionado ao IPC, “e mesmo no mellor dos casos non compensa nin unha mínima parte das perdas acumuladas”.

Neste senso, lembran que a inflación dos últimos anos, sen cláusulas de revisión, “arrasou” máis dun 20% do salario público, “polo que vender unha suba do 11,4% en catro anos como ‘recuperación’ é unha burla á intelixencia da clase traballadora”. E tamén que o propio reparto 2025-2026 garante perda real de capacidade de compra, feito recoñecido incluso pola documentación que o Ministerio trasladou ás mesas, das que a CIG foi excluída.

Por outra banda, dende a central sindical censuran o feito de que neste acordo se “reciclen” promesas do ‘Acordo Marco para unha Administración do século XXI’ xa incumpridas, “polo que nos atopamos diante dun refrito que presenta como grandes avances que prometen inmediatos cuestións como as 35 horas ou melloras en permisos e conciliación".

Por un modelo negociador real

De feito, inciden en que todas estas cuestións xa estaban recollidas no citado Acordo, “que foi vendido en 2022 por CCOO e UGT como unha revolución e que non se cumpriu en case nada”. Por iso critican que agora se volva presentar como unha novidade, “cando a propia documentación dos últimos encontros evidencia que estas medidas xa foran prometidas, pospostas ou incumpridas, mostrando que non hai vontade real nin orzamento suficiente para facelas efectivas”.

Neste senso, cualifican o acordo de “refrito” dun anterior “que nin modernizou a Administración, nin mellorou as condicións laborais, nin reforzou persoal”. Até o punto de que CCOO cualificaba días antes a proposta de “ofensiva”, “insultante” e “insuficiente”, “pero días despois avalan aquilo que pouco antes rexeitaban”.

Finalmente, a CIG reafirma a súa posición contraria ao acordo e anuncia a súa intención de non aceptar “maquillaxes nin perdas”. E insiste en que sen revisión salarial automática vinculada ao IPC non hai garantía de poder adquisitivo; sen cambios profundos no modelo orzamentario o teito de gasto seguirá sendo a escusa para recortar dereitos; sen negociación real nas mesas, con todas as organizacións representativas, estes acordos seguirán sendo “inútiles, simulados e excluíntes”. Neste sentido comprométese a defender un modelo negociador real, plural e con garantías legais; loitar por acordos que recuperen o perdido, non que consoliden recortes; e a convocar mobilizacións e achegar alternativas fronte a un pacto que empobrece o persoal público e fortalece a “propaganda” dun Goberno instalado no “inmobilismo”.

Volver