
A CIG lamenta a cesión do goberno estatal á chantaxe das entidades privadas no concurso de MUFACE
En plena licitación MUFACE modifica por segunda vez o prego do concurso para aumentar agora en 1.000 millóns de euros o que van cobrar as entidades prestatarias
A CIG segue apostando firmemente pola sanidade pública, algo que por outro lado semella a única postura lóxica por parte de calquera organización sindical que represente a traballadores e traballadoras do sector públicos. Así o fixemos valer nas reunións do Consello Xeral de MUFACE de novembro e de decembro ou na difusión dun informe da situación das persoas mutualistas en Galiza que claramente desmonta o discurso dun colectivo funcionarial maioritariamente na sanidade privada, unha realidade que a día de hoxe é xusto á inversa. Como vén sendo habitual, aínda que con máis motivos que nunca neste momento de chantaxe tóxica das empresas aseguradoras, volvemos incidir no mes de xaneiro na opción pola sanidade pública.
Os últimos movementos do Ministerio de Función Pública e da propia Mutualidade, cedendo por segunda vez ás chantaxes das aseguradoras, son unha pésima nova. En palabras do ministro de Óscar López, o goberno estatal está metendo 1.000 millóns máis dos xa anunciados ao comezo da crise de MUFACE. En total, o goberno pagará 4.500 millóns de euros en tres anos. Isto implica desaproveitar unha ocasión excepcional para presentar un plan de carácter transitorio cara a sanidade pública que, partindo do respecto á situación actual do colectivo con prestación privada (especialmente en procesos que precisan continuidade no tempo) fixe definitivamente o reforzo dunha sanidade pública e de calidade para todas e todos.
Hoxe unha maioría ampla do profesorado funcionario de carreira en Galiza (59%) opta pola sanidade pública, chegando ao 85% do profesorado que aprobou as oposicións nos últimos catro anos. Esas cifras, con valores lixeiramente inferiores, dánse igualmente no conxunto do Estado. Existen, por tanto, condicións obxectivas para dar un paso adiante como demanda a CIG.
Quen se pode fiar das entidades privadas?
Tendo en conta as circunstancias actuais, non consideramos que se dean as condicións para afirmar que as persoas mutualistas que optaron até agora polas entidades privadas vaian contar con todas as garantías, non xa nos próximos dous ou tres anos, se non de cara a un futuro inmediato, no que a chantaxe das aseguradoras vai ir en aumento, convertendo o profesorado en refén dos intereses económicos dos grupos empresariais que prestan o servizo.
Se nestes últimos meses vimos como diferentes entidades se negaban a proseguir con tratamentos ou a concertar citas, obviamente coa intención de presionar ao goberno, non parece fóra de lugar vaticinar que o volverán facer cando o precisen. Tampouco será unha sorpresa que deriven os casos urxentes ou máis custosos á sanidade pública, unha práctica tamén habitual. Desde o sindicato denunciaremos, como xa aconteceu con anterioridade, calquera incumprimento das obrigas legais destas empresas cos seus aseguradores diante de MUFACE.
Reforzar o público é garantía de futuro, tamén para a nosa saúde
A CIG volve alertar da falta de previsión das administracións con competencias en materia de sanidade ante a situación que se presenta nestes momentos e de cara a un futuro a medio prazo Denunciamos a necesidade de incrementar os fondos destinados ás comunidades autónomas para afrontar a situación que se cree co previsíbel incremento de persoas usuarias que proveñan e MUFACE.
Desde a CIG-Ensino non esquecemos que MUFACE ten dentro dos seus cometidos unha serie de axudas de carácter social e sociosanitario actuando neste sentido como un fondo de acción social como o que existe en case todas as administracións e en moitas empresas. Desde axudas por xubilación, falecemento ou sepelio até a prestación por parto múltiple ou toda a xestión de subsidios de baixas médicas superiores a tres meses. O mantemento de todas estas axudas e dereitos debe ficar claramente fóra do debate actual sobre a prestación sanitaria e deben garantirse, por tanto e como mínimo, os fondos destinados actualmente, porque estas axudas e complementos son tamén un servizo público.