A CIG gaña dúas sentenzas que obrigan a Xunta a abonar ao seu persoal a totalidade das pagas extras de 2013
Nas resolucións xudiciais enténdese que ao existir silencio na reclamación salarial en vía administrativa, o sentido deste é positivo
Estes complementos específicos varían dos 400€ nun posto de subalterno/a, até 1.500€ nun posto de subdirección. A estas cantidades, as sentenzas súmanlle os xuros de demora e até 400€ de costas xudiciais.
A CIG lembra que no ano 2013, o goberno de Feijoo decidiu recortar o complemento específico (ou concepto equivalente para o persoal laboral) nas dúas pagas extras de todo o seu persoal, pasando a ser Galiza unha das poucas comunidades nas que se aplicou un recorte adicional.
Recorte que continúa vixente a día de hoxe e que está no proxecto de Lei de Orzamentos, polo que se prorrogará como mínimo tamén no 2016. Con esta medida, calcúlase unha subtracción nos soldos do persoal da Xunta duns 200 millóns de euros por ano.
A novidade nestas dúas sentenzas radica en que, ao existir silencio na reclamación salarial en vía administrativa, o xuíz recoñece que o sentido deste é positivo e, polo tanto, estima na súa totalidade a reclamación da persoa traballadora. A gran maioría das sentenzas anteriores centrábanse só no fundamento xurídico da irretroactividade do recorte da paga extra de xuño dese ano, ao se aprobaren os orzamentos o 1 de marzo de 2013, polo que o recorte nos meses anteriores de xaneiro e febreiro é ilegal. Un recorte estimado en 33 millóns de euros.
Na demanda pídese a totalidade dos dous complementos específicos nas dúas pagas extras de 2013, en base a que o EBEP recoñece que as pagas extraordinarias se estabelecen con carácter básico e polo tanto non se poden recortar cunha lei autonómica. Un argumento que xa levou a un tribunal de Castela A Mancha a promover unha cuestión de inconstitucionalidade.
Porén, a Xunta mantén os recortes, desatende as resolucións e “xoga co efecto numérico das demandas” interpostas contra destas medidas. Pero hai que subliñar que estas actuacións supoñen uns sobre-custes para as arcas públicas que o goberno do PP non ten reparos en afrontar “porque non sae do peto dos seus responsábeis políticos”.