
A CIG exixe o mantemento da oficina de MUFACE en Compostela
Mutualistas concentráronse esta mañá para protestar polo peche definitivo a partir do día 4, como avanzou o goberno do Estado, e a obriga de dirixirse á Coruña para realizar calquera trámite presencial.
MUFACE atende 91.648 persoas en Galiza, das cales 27.589 son persoal docente en activo. A condición de mutualista para determinados colectivos é obrigatoria independentemente do tipo de prestación sanitaria que escollan, ben a través do SERGAS, ben a través de Adeslas ou Asisa. Nos últimos anos o novo funcionariado de carreira está optando maioritariamente polo servizo público de saúde. Ademais de trámites relacionados coa prestación sanitaria e o gasto farmacéutico, MUFACE xestiona, entre outras, a prestación por incapacidade temporal, a tramitación da tarxeta sanitaria europea e a atención sanitaria no estranxeiro, así como prestacións e axudas sociosanitarias para as persoas mutualistas e as beneficiarias que dependan delas.
Mentres varias persoas se dirixían á oficina de MUFACE que ten en Compostela para realizar trámites e a atopaban pechada, decenas de mutualistas concentráronse esta mañá para esixirlle ao goberno central que a manteña aberta e que busque solucións á falta de persoal empregada como argumento para xustificar o seu peche definitivo a partir do día 4 de agosto. Desde esa data calquera persoa da área de Santiago terá que desprazarse á Coruña para realizar un trámite presencial ou resolver algunha incidencia da xestión telemática. A responsábel desta entidade pública argumentou que a maior parte do traballo que se realiza presencialmente ten a ver co visado de receitas e que a partir da entrada en vigor da receita electrónica para quen teñan asistencia privada “carece de sentido” manter esta oficina aberta. Precisamente algunha das persoas que acudía esta mañá á oficina facíao para resolver dúbidas sobre este novo sistema.
Representantes da CIG insisten en que o desmantelamento da atención directa ás persoas mutualistas supón un exemplo máis do deterioro dos servizos públicos. Nun primeiro momento a dixitalización implicou unha redución de postos de traballo, dado que son as propias persoas usuarias as que realizan todos os trámites. Posteriormente o horario de atención xa se viu mermado e agora péchase definitivamente o que supón un empeoramento na calidade da asistencia que se presta á cidadanía, neste caso ás persoas mutualistas obrigatorias e ás súas beneficiarias. Especial relevancia ten este peche para as persoas xubiladas e pensionistas.
Segundo un estudo elaborado pola CIG, en novembro de 2024 había 1.460.772 de mutualistas no conxunto do Estado, dos cales 91.648 residían en Galiza. Cómpre lembrar que para determinados colectivos (persoal docente, Correos, Policía e certos traballadores e traballadoras da administración xeral do Estado) é obrigatorio pertencer a MUFACE. O único que pode escollerse é o sistema de prestación sanitaria, é dicir entre o SERGAS ou as dúas entidades privadas que mantiveron a chantaxe ao goberno central até conseguir que se incrementase o concerto para o bienio 2025-2027 en 1.276,5 millóns de euros respecto do anterior. Actualmente o novo funcionariado docente que ingresa na función pública, e que ten que pertencer obrigatoriamente a esta Mutualidade, opta de forma maioritaria pola prestación sanitaria pública, tal e como recomenda a CIG.
Con todo, MUFACE realiza outras xestións, ademais da prestación farmacéutica, que teñen que ver coa prestación sanitaria no exterior, como a expedición da tarxeta sanitaria europea ou a asistencia no estranxeiro; axudas sociosanitarias; subsidios en situación de IT ou de embarazo de risco... que, de manterse esta decisión, implicará que as persoas mutualistas de Compostela só poderán resolver ou ben de forma telemática ou presencialmente desprazándose ás oficinas da Coruña