A CIG esixe a readmisión das dúas traballadoras despedidas e a fin das represalias sindicais e laborais en Amicos

O sindicato incide no terror laboral existente dentro da entidade e denuncia que nos últimos dous anos se levan producido máis de 20 despedimentos e preto de 30 baixas voluntarias, o que demostra a deriva da dirección, coa colaboración da UGT no comité.

Onte levouse a cabo unha concentración nas instalacións de Amicos en Boiro para denunciar dous novos despedimentos efectuados o pasado 31 de outubro e, en xeral, o modelo de xestión do persoal por parte da dirección “baseado na intimidación, o medo e as represalias, con máis de 20 despedimentos nos últimos dous anos, nomeadamente de traballadoras que formaron parte da candidatura da CIG, que amosaron simpatía por esta organización sindical ou que están afiliadas”, como indica o secretario comarcal Rubén Monteagudo.  A situación na empresa, lonxe de mellorar, agrávase coa expulsión de dúas novas traballadoras que, segundo o sindicato, “foron apartadas o pasado venres ás 3 da tarde de maneira unilateral e sen xustificación obxectiva, nun novo episodio da campaña de purga interna contra quen pensa distinto, unha purga que lamentablemente unha vez máis conta coa colaboración inestimable do outro sindicato que forma parte do Comité de empresa, que é UGT”.

Estes ceses únense ás preto de 30 traballadoras e traballadores quen, ante o clima laboral da empresa e diferentes accións por parte da dirección, remataron causando baixa voluntaria tamén nos últimos anos. A CIG denuncia que, ademais, a dirección da empresa recorre de maneira reiterada á vía penal fronte a traballadores e representantes sindicais, nunha estratexia que, lonxe de resolver conflitos laborais, parece orientada a xerar un clima de medo, desgaste e desmobilización entre o persoal. Este tipo de actuacións supoñen un uso inadecuado dos mecanismos xudiciais e un intento evidente de disuadir o exercicio lexítimo dos dereitos sindicais e de liberdade de expresión.

Ademais Monteagudo denuncia que “a día de hoxe a dirección continúa reprimindo as delegadas sindicais da CIG, a quen apartaron das súas funcións habituais na entidade e illaron en zonas do centro de traballo, ás que impiden que realicen un correcto e normal traballo de representación sindical e a quen intentan amedrentar continuamente con escritos, sancións, aperturas de expedientes, cambios ilegais de turnos, etc.  Tamén comprobamos como a dirección da empresa continúa a emitir sancións e apercibimentos reiterados dirixidos de maneira especialmente significativa a traballadoras afiliadas á CIG ou implicadas na actividade sindical, unha práctica antisindical e que non busca corrixir condutas laborais, senón xerar medo, desgaste e división entre o persoal” Engade o Secretario comarcal da CIG-ENSINO que “ É incongruente que unha entidade que fale de valores como a inclusión despida, reprima ou denuncie a traballadoras e traballadores, unha cuestión incompatíbel con calquera código ético e/ou idea de xustiza social”.

Sentenza desfavorábel para Amicos

Neste sentido, lembra que a  varias das súas responsables da empresa perderon recentemente unha sentenza por falsas acusacións de acoso contra unha delegada sindical da CIG, o que demostra que as supostas denuncias presentadas contra ela carecían de base e formaban parte dunha estratexia de persecución sindical amparada por elementos do comité de empresa, unha sentenza 324/2025 do Tribunal do social de Compostela que tamén sinala a mala praxe  e a inacción de  AMICOS neste caso.

Desde a CIG o único que se está a facer é defender os dereitos do persoal a traballar por un mellor clima laboral”, explicou así mesmo Fran Rei, responsábel do sindicato na comarca do Barbanza. “Ante os últimos feitos, sentenzas desfavorábeis a traballadoras con cargo orgánico na empresa, a resposta da dirección non foi asumir erros, senón insistir na mesma liña: despedir, amedrentar e intentar silenciar, a tal nivel que mesmamente despois da concentración, a empresa volveu a despedir, agora de xeito disciplinario segundo eles, a outra traballadora”.

Volver