A CIG entrega 1066 sinaturas do persoal do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar en demanda de melloras nas condicións laborais

Delegados e delegadas da CIG concentráronse este xoves 19 de novembro diante do organismo para denunciar a precariedade e discriminación que padecen

Delegados e delegadas da CIG concentráronse esta mañá diante do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar coincidindo coa entrega de 1.066 sinaturas do persoal en demanda de melloras nas súas condicións laborais e en denuncia da precariedade e discriminación que padecen respecto dos traballadores e traballadoras da mesma categoría que traballan na Xunta de Galiza.


Con esta mobilización e a entrega de sinaturas exíxese a inmediata apertura de negociacións para facer efectivas as reivindicacións do seu persoal. As traballadoras e traballadores do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar  –ao redor dos 1.500- sofren unha precariedade extrema e unha discriminación en relación ao persoal de mesma categoría e profesión no resto da Administración galega. Para a CIG é imprescindíbel a súa homologación total co resto das traballadoras e traballadores da Xunta de Galiza e a aplicación das medidas recollidas na táboa reivindicativa.


Táboa reivindicativa:

  • Mantemento de todos os postos de traballo do Consorcio Galego de Servizos de  Igualdade e Benestar na integración na Axencia Galega de Servizos Sociais.
  • Continuidade dos equipos de Inclusión Social.
  • Aplicación das melloras laborais recollidas na Lei do Emprego, nomeadamente o sábado como día inhábil, a ampliación do permiso por parto ou adopción, a licenza por risco durante o embarazo ou a lactación, a licenza por asuntos propios, etc.
  • Aplicación inmediata do V Convenio Laboral incluídas as retribucións.
  • Aplicación da xornada laboral da Xunta de Galiza.
  • Garantía de que se respecten as funcións das diferentes categorías profesionais.
  • Control, transparencia e publicidade na xestión das listas de agarda.
  • Cobertura de maneira inmediata todas as baixas, permisos…
  • Apertura de novas listas de substitucións para evitar a non existencia de persoal para substitucións.
  • Adscrición extraordinaria de destinos provisionais entre todas as traballadoras e traballadores do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, incluíndo as prazas de nova creación.
  • Recuperación das pagas extraordinarias completas e devolución das cantidades debidas. Derrogación de todos os recortes.
  • Normalización co pago inmediato das nóminas a persoas que teñen calquera tipo de modificación (IT, reducións, substitucións…) nas mesmas.
  • Cobertura real dos postos de traballo dos centros Quérote.
  • Incremento de persoal nos servizos centrais.
  • Negociación da integración na axencia.

Reunión co xerente do Consorcio

Unha vez entregadas a sinaturas a CIG conseguiu que o novo xerente, Perfecto Rodríguez Muíños, recibira a unha representación das traballadoras/es. Nesta xunta a CIG trasladoulle as reivindicacións do persoal facendo fincapé que no prazo dun mes debiamos ter resoltas a aplicación das melloras laborais recollidas na Lei do Emprego e apertura de novas listas de substitucións para evitar a non existencia de persoal para substitucións. O xerente comprometeuse a analizalo e a reunirse ca CIG  antes do 15 de decembro. A CIG trasladoulle que de non ter solución nun prazo razonábel convocaría novas mobilizacións chegando, se fai falta, a unha folga de todo o persoal do Consorcio xa que o servizos prestados polo organismo mantéñense a conta das renuncias laborais levadas a cabo por seu persoal.

  • A CIG entrega 1066 sinaturas do persoal do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar en demanda de melloras nas condicións laborais
  • A CIG entrega 1066 sinaturas do persoal do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar en demanda de melloras nas condicións laborais

Volver