A CIG-Ensino, CUT e SNEP convocan novas mobilizacións nos tres sectores de atención ás persoas: Discapacidade, Menores e Infantil 0-3 ante a falta de resposta e interlocución da Consellaría de Politica Social
As tres organizacións sindicais fan unha chamada de unidade de acción reivindicativa na Galiza, dirixida á Xunta, titular das competencias
- Centros de atención a persoas con discapacidade
- Centros de Menores
- Educación Infantil O-3
- persoal politica social en loita
Despois de que a CIG-Ensino, CUT e SNEP chamasen á responsabilidade e á seriedade a Fabiola García e a Alfonso Rueda para escoitar ao persoal traballador e dar solución ao conflito aberto nestes tres sectores esenciais na atención ás persoas, e tan só se obtivera a calada por resposta, as tres organizacións sindicais deciden convocar novas mobilizacións e incrementar a súa contundencia, tal e como anunciaron o 8 de abril na última concentración en Ourense.
Ademais da continuidade dos “Mércores en loita” e a “Campaña de concienciación social”, levaranse a cabo dúas accións reivindicativas nas rúas:
- Unha CONCENTRACIÓN o mércores 13 de maio ás 11:00 horas na Coruña diante do Edificio administrativo de Política Social ESPAZO AMIZAR, situado na rúa Gregorio Hernández, 2-4.
- Un CAMIÑO DE SANTIAGO REIVINDICATIVO de 3 etapas, cunha UNHA XORNADA DE FOLGA na última etapa):
- O 1 de xuño 1ª etapa saída 11:00 h. Arzúa ate Arca, con caravana de coches coa RLT.
- O 2 de xuño 2ª etapa saída 11:00 h. Arca ate Monte do Gozo, mesmo formato da 1ª etapa.
- O 3 de xuño 3ª etapa con MANIFESTACIÓN, saída 11:00 h. do Monte do Gozo á Xunta (San Caetano), nunha xornada de folga cun paro parcial de 5 horas (das 9:00 ás 14:00h.)
Chamada pública á unidade de acción mobilizadora nas rúas de Galiza cos 3 sectores: Discapacidade, Menores e Infantil 0-3.
As tres organizacións sindicais, CIG - CUT - SNEP, que levamos camiño dun ano loitando e mobilizando os 3 sectores cun mesmo fin: “Melloras laborais, sociais e salariais: convenios dignos e xustos”, así como baixada das ratios, xornadas xustas, máis recursos, mellores instalacións..., facemos unha chamada pública de unidade de acción reivindicativa nas rúas galegas, organizada por todas as entidades sociais, organizacións, plataformas, e asociacións que aposten polas mobilizacións e a folga, tendo claro que a loita é o único camiño e miren polo interese colectivo e non polo propio. E, por suposto, dirixida á Xunta de Galicia, concretamente á Consellaría de Política Social, que é quen ten todas as competencias e o poder de modificar a mesma situación de precariedade que sofren estes 3 sectores.
Coincidindo as nosas reivindicacións e tendo as competencias a Xunta de Galiza, que se comporta como un bunker, xuntemos as nosas forzas na Galiza os tres sectores e negociemos nós as nosas condicións!!!




