A CIG-Ensino xunto con CCOO e UGT convocan unha concentración diante da Consellaría para mellorar as condicións do persoal do ensino concertado

Será o 25 de abril, ás 11:30 horas diante da Consellaría de Educación, en Santiago de Compostela.

Os sindicatos reclaman que a Consellaría cumpra co comprometido na última Mesa Tripartita e sente a negociar dunha vez por todas cuestións tan esenciais coma a estabilidade laboral no sector (AME) e outros dereitos perdidos que si se contemplan na maioría de comunidades autónomas.

No día de onte a CIG chegou a un acordo con CCOO e UGT para convocar unha concentración que terá lugar o día 25 de abril diante da Consellería de Educación en Santiago de Compostela, co fin de esixirlle á Administración que cumpra o seu compromiso da última Mesa Tripartita celebrada o 16 de decembro de 2022 de negociar un Acordo de Mantemento de Emprego (AME) eficaz, que non fixo.

Ante a pasividade da administración os tres sindicatos convocan aos seus delegados e delegadas á concentración co obxectivo de recordarlle unha vez máis as propostas que mellorarían os dereitos laborais dos traballadores e traballadoras do ensino concertado e que xa se achegaron en xuño de 2022. Nesas propostas recóllense medidas efectivas para resolver o problema da estabilidade laboral no sector (AME). Sen incrementar o orzamento educativo, pódese abordar a redución das rateos alumno/unidade no ensino. Esa medida permitiría ademais mellorar a atención ao alumnado, maior cohesión, favorecería a inclusión e o traballo colaborativo etc, medidas todas elas moi necesarias. Outras propostas presentadas (e que xa se aplican noutras Comunidades) como a reposición da xubilación parcial, o incremento da dotación horaria aos centros que recolocan, a obrigatoriedade das patronais de acudir á bolsa de contratación ou a redución da xornada lectiva, contribuirían sen dúbida a mellorar a calidade do ensino e a resolver o problema do persoal traballador e das empresas.

A administración comprometérase o ano pasado a facilitarlles aos sindicatos unha nova proposta de estabilidade laboral que incluíse avances, neste primeiro trimestre de 2023, porén esta nunca chegou. Cabe resaltar, ademais que, de todas as CCAA, a galega é das poucas que non incorpora ningún dos acordos que si se dan, en maior ou menor medida, no resto.

Se non se aceptan estas propostas a situación pode ser dramática para moitos/as traballadores/as, polo que se a administración non dá unha solución, neste curso e nos vindeiros asistiremos ao peche de unidades e á perda de postos de traballo. Por iso chamamos á mobilización e á participación na concentración do martes 25 de abril.

CIG-Informa concentración abril 2023 melloras persoal ensino concertado

Documento


Volver