
A CIG-Ensino vota en contra do ditame do Consello Escolar sobre o decreto de admisión do alumnado
A xuntanza evidenciou a alianza entre a Consellaría e a privada concertada
A CIG-Ensino quere lembrar ademais que, desde a entrada deste Goberno na Xunta, a Consellaría de Educación nunca tivo en conta as propostas do Consello Escolar, nin as trasladou ás normativas propostas “o que mostra o desprezo absoluto polo máximo órgano educativo de Galiza”, di Louzao. No caso de hoxe, os votos en contra, coa abstención da Consellaría, fixeron que o decreto quedara sen ditame.
As propostas máis
importantes defendidas pola CIG-Ensino, e que non se aceptaron tiñan os seguintes
obxectivos:
- Garantir o dereito que debe ter calquera persoa a escolarización nun centro público e laico.
- Eliminar a posibilidade de que os centros educativos, de xeito arbitrario, concedan un punto do baremo de admisión de alumnado. Para a CIG-Ensino esta modificación dos criterios de admisión introducida pola Consellería permite que, ante alumnado coa mesma puntuación, os centros escollan o que prefiran sen ter en conta uns criterios obxectivos e iguais para todos eles.
- Eliminar a posibilidade de conceder ata dous puntos por expediente académico. Tal e como está recollido pódese entender que mesmamente haxa intención de valorar o expediente en diferentes niveis educativos.
- Prohibir os concertos cos centros que segregan o alumnado por razóns de xénero, o que na práctica significa facilitar a escolarización en centros con idearios retrógrados.
- Evitar que se deixe de considerar causa “grave” -para retirarlle o concerto a un centro- o incumprimento do decreto.
- Non permitir que os centros concertados teñan máis facilidades para rexeitar alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, xa que o novo decreto rebaixa a un 10% o mínimo de prazas que hai que reservar ate que remate o prazo de matrícula para este alumnado.
- Manter o compromiso de que “coa finalidade de asegurar a calidade educativa para todos/as, a cohesión social e a igualdade de oportunidades, a Consellaría competente en materia de educación, garantirá unha adecuada e equilibrada escolarización do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo nos centros públicos e nos centros privados concertados”.
- Evitar que as actividades extraescolares sexan un criterio discrecional que determine a matricula.
A CIG-Ensino conseguiu que prosperara a súa proposta de obrigar a que todos os centros oferten prazas de ambos os dous sexos, pero segue sen prohibirse os concertos cos centros que segregan alumnado por razóns de xénero.
Podes consultar as emendas da CIG-Ensino na seguinte ligazón