A CIG-Ensino volve esixir celeridade na negociación do Estatuto do PDI despois de 14 meses do inicio da negociación
A responsábel de Universidades asistiu onte á reunión convocada polo Ministerio na que só se informou da tramitación da normativa pendente de publicación pero sen chegar a debater as achegas das organizacións sindicais ao proxecto de Estatuto
A intervención do sindicato nacionalista centrouse en esixir unha calendarización das reunións, que se coñeza o texto completo a negociar e que se dean explicacións claras sobre en que consistirá a carreira horizontal e cales son as implicacións económicas que terá. Neste sentido cómpre lembrar que sen que o Ministerio de Facenda participe na negociación é complexo, por experiencias previas, que saian adiante propostas deste tipo.
A CIG asistiu a unha nova reunión convocada polo Ministerio de Universidades dentro do proceso de negociación do Anteproxecto de Lei do Estatuto do PDI. Esta norma debería servir para actualizar as condicións de traballo, regular a carreira profesional e fixar o marco de desenvolvemento e recoñecemento do labor docente, investigador e, no seu caso, de transferencia, xestión e representación.
Nun primeiro momento da reunión o secretario xeral de Universidades deu conta dos traballos que están a realizar en canto á normativa pendente de publicarse como o Proxecto de Real Decreto polo que se modifica o Real Decreto 640/2021, do 27 de xullo, sobre creación, recoñecemento e autorización de universidades e centros universitarios e acreditación institucional de centros universitarios e outras normas relacionadas de igual rango ou o Real Decreto que establecerá as especialidades e ámbitos de coñecemento no que se vai pasar das 190 actuais a 341 especialidades. En canto a este último a CIG asistirá á convocatoria comprometida para os vindeiros 15 días, xa que este cambio afecta directamente ás condicións laborais do profesorado ao estar o posto de traballo directamente vinculado a un ámbito de coñecemento e especialidade que condicionará o perfil das prazas.
Tamén se informou que se está traballando no Estatuto do estudantado e no de homologación das titulacións estranxeiras. A preguntas sobre a normativa relativa ao sexenio de transferencia non deron información argumentando que é competencia doutro órgano do mesmo Ministerio.
En canto ao punto central da reunión -o único punto da orde do día-, o Estatuto do PDI, non houbo un debate efectivo das propostas das organizacións sindicais. Despois de 14 meses desde o inicio da negociación, na que tan só se avanzou sobre os dous primeiros capítulos dun estatuto que, segundo a exposición de motivos terá nove capítulos, non parece defendible a inactividade e falta de avances.
A CIG expresou o seu profundo malestar ante a parálise na negociación dun documento trascendental para o PDI que leva soamente tres reunións no último ano e medio. Non nos parece de recibo que pase tanto tempo entre reunión e reunión, o que dificulta enormemente facer un traballo operativo e eficaz no texto con este ritmo de negociación. A responsábel de Universidades da CIG-Ensino, Elena Añel, esixiu unha planificación a curto prazo, unha calendarización das reunións, que se envíe o texto con todos os capítulos que vai abordar e en definitiva, que se demostre por parte do Ministerio a vontade de ter o Estatuto do PDI aprobado na maior brevidade posible.
Tamén amosou a incerteza ante un texto que tería que estar valorado polo Ministerio de Facenda polas implicacións económicas que ten o deseño da carreira horizontal. Anteriores experiencias en canto á negociación do estatuto deixaron claro que, sen que os responsables do Ministerio de Facenda se senten na mesa de negociación é complicado que esta dea froito.
O sindicato nacionalista pediu tamén, en canto ao artigo 7.b) do texto presentado para negociar, que se inclúa a lingua como un elemento máis de non discriminación dentro dos dereitos individuais do PDI; que as universidades faciliten, mediante programas específicos, realizar estadías de investigación para poder acadar requisitos de acreditacións; que para a intensificación das actividades (docente ou investigadora) recollida no artigo 14 se estabeleza un mínimo de dedicación a ambas actividades e que se defina claramente en que consistiría a carreira horizontal do persoal docente e investigador.
En definitiva, a CIG esixe un compromiso calendarizado e cun ritmo de traballo estable para negociar esta norma chave para definir as condicións de traballo do PDI.