A CIG-Ensino volve dirixirse a Román Rodríguez para que desbloquee as negociacións sobre melloras laborais docentes antes de anunciar novas accións
O sindicato envioulle un novo escrito ao conselleiro de Educación despois das folgas e mobilizacións de outubro instándoo a poñer fin a este conflito canto antes para incluír nos Orzamentos partidas para avanzar nestas melloras.
O profesorado galego leva tres xornadas de folga este curso e a Consellaría non pode seguir ignorando este clamor”, indica o escrito asinado pola secretaria nacional, Laura Arroxo, poñendo énfase no inédito destas protestas e en que “o profesorado está á espera de que o seu departamento faga algún movemento, como xa ten acontecido noutras ocasións”. Á vez lembra que “desde o inicio do calendario de mobilizacións a CIG-Ensino non abandonou os intentos de negociación tanto en público como nos órganos de negociación”, en referencia á proposta presentada na última Mesa Sectorial para dotar con máis persoal fixo de atención á diversidade todas as ensinanzas. Unha proposta que contou co apoio das outras organizacións sindicais e co rexeitamento dos responsábeis da administración. Por último, Laura Arroxo insta ao conselleiro “a non alongar máis este conflito” ou, do contrario, “o sindicato maioritario continuará dando resposta ás demandas do profesorado con máis mobilizacións”.
“Os pasados 28 e 29 de outubro o profesorado galego volveu manifestar o seu desacordo coas políticas educativas da Consellaría que dirixe participando de forma moi numerosa nas mobilizacións e folgas convocadas pola CIG-Ensino e o STEG”. Así comeza o escrito que onte lle dirixiu a secretaria nacional da CIG-Ensino, Laura Arroxo, ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, seis días lectivos despois desas dúas convocatorias. No mesmo documento, a responsábel do sindicato lémbralle que este leva emprazando a Educación a que abra negociacións sobre melloras laborais docentes e do ensino público galego desde finais do curso pasado, “un emprazamento que se fixo tanto de forma pública como no marco da Mesa Sectorial docente, máximo órgano de negociación entre a administración e as organizacións sindicais con representación na mesma”. De feito, ás portas das últimas dúas xornadas de folga, a CIG-Ensino fixo unha proposta de negociación, aproveitando que se debatía a Orde do Concurso de Traslados e do Concurso de Orientación de Primaria, para dotar con maior persoal fixo de atención á diversidade, fundamentalmente especialistas en PT, AL e persoal de orientación, a todas as ensinanzas que estaban convocadas a estas protestas. “Como sabe -continúa o escrito-, esta é unha das demandas que une a toda a comunidade educativa e unha das grandes necesidades que ten o noso sistema educativo para mellorar a atención ao alumnado galego do ensino público”. A proposta contou ademais co apoio de todas as organizacións sindicais con representación nesta Mesa. Porén, a resposta dada polos responsábeis da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos foi negativa malia recoñecer que existían problemáticas nos centros de ensino derivadas da alta provisionalidade e da escaseza destes especialistas.
“O malestar do profesorado vai en aumento a medida que pasan os meses e se confirma que non se escoitan as súas demandas. A baixada de ratios cun calendario máis curto en todas as ensinanzas, a recuperación do horario lectivo que tiña o profesorado en 2009, a redución real da burocracia atendendo ás casuísticas de cada etapa, ensinanza ou posto de traballo, a aprobación de melloras retributivas lineais que permitan recuperar o poder adquisitivo perdido nos últimos anos e a recuperación e avance noutros dereitos que están contemplados na normativa ou en acordos do seu goberno (redución da xornada lectiva para maiores de 55 anos, pagamento do persoal substituto que traballe cando menos 5 meses e medio...) foron os eixos sobre os que pivotaron estas protestas”, detállase. Á vez, insístese en que desde as dúas últimas convocatorias de folga “o profesorado galego está a espera de que o seu departamento faga algún movemento, polo que volvemos dirixirnos directamente a vostede para poder negociar ao longo do que queda de curso aquelas medidas, tanto as que teñen custo económico como as que non, que permitan realmente mellorar a situación do ensino público galego. O xesto máis claro de que o goberno da Xunta non quere alongar máis este conflito é abrir esas negociacións e incorporar unha partida que permita acometer nos orzamentos xerais de Educación para o vindeiro curso esas melloras. Por último, advírtese que, de non facelo, a CIG-Ensino continuará coa folla de ruta prevista en resposta ás demandas do profesorado galego e apela a unha responsabilidade que debe ser compartida tanto pola administración educativa como polas organizacións que representan ao profesorado: “evitar que un empeoramento na atención educativa teña incidencia negativa no presente e futuro da nosa sociedade”.

