A CIG-Ensino visitou os centros con cursos CELGA para informar dos despedimentos do profesorado que os impartía até este ano

A CIG-Ensino denuncia que Política Lingüística seleccionou novo profesorado sen criterio públicos e transparentes

A CIG-Ensino visitou este luns 1 de abril os centros nos que se empezaban a impartir cursos CELGA acompañando a profesores e profesoras que foron despedidos para informar aos asistentes da actuación da Secretaria Xeral de Política Lingüística.

A CIG-Ensino e o profesorado que impartiron até este ano os cursos preparatorios para obter as certificacións CELGA informaron ao alumnado do conflito creado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística que despediu a estes docentes despois de que se reclamaran os seus dereitos laborais diante da Inspección de Traballo.

O obxectivo da CIG-Ensino era tamén o de persuadir ao profesorado que aceptou impartilos de que estaba a tempo de solidarizarse con profesorado despedido despois de que o sindicato denunciara na Inspección de Traballo que estaban traballando sen contrato e sen ser dados de alta na Seguridade Social.

A CIG-Ensino puido comprobar que nalgúns cursos o profesor/a non se presentou este primeiro día e que tamén a Secretaría Xeral de Política Lingüística recorreu, non se sabe con que criterio, a persoal que non é docente da especialidade de Lingua e Literatura Galega e que se prestou a impartilos diante das dificultades da Xunta para atopar docentes.

A CIG-Ensino xa acudiu o xoves 27 de marzo á EGAP,  en Santiago, para intentar persuadir ao profesorado que accedeu a impartir os cursos e que foi convocado pola SXPL para ese día. “Ao secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, non lle chega con despedir a este profesorado senón que aproveita para estender a súa rede caciquil ao seleccionar aos docentes de maneira nepotista. A inmensa maioría do profesorado de Secundaria negouse a ser cómplice desta actuación vengativa e represora”, explica Anxo Louzao, secretario xeral da CIG-Ensino, “o que levou incluso a que haxa cursos que non se impartan recaendo sobre os usuarios as consecuencias de que isto suceda”, engade.

Volver