A CIG-Ensino vén de dirixirse de novo á Consellaría para exixirlle a impartición da especialidade de Acordeón no CMUS de Compostela

A CIG-Ensino xa ten solicitado na Mesa Sectorial Docente non Universitaria a oferta

A CIG-Ensino xa ten solicitado na Mesa Sectorial Docente non Universitaria a oferta da especialidade de Acordeón no Conservatorio de Música de Compostela sen que até agora a Consellaría atendese a nosa demanda. De novo, a CIG-Ensino volveu demandarlle á Consellaría, mediante escrito rexistrado onte, 4 de febreiro, a oferta desta especialidade e do seu respectivo profesorado para acabar coa discriminación que neste momento ten o alumnado de Compostela a respecto do das demais cidades.

Chama poderosamente a atención que sexa Santiago a única cidade galega e o seu conservatorio profesional o único dependente da Consellaría de Educación ao que non se lle permite impartir esta especialidade, impedindo así que unha parte da poboación de Galiza poida cursar estas ensinanzas.


A falta de oferta pública está comportando que haxa alumnado que teña que desprazarse a outras cidades para acceder ás aulas de acordeón ou ben desistir de formarse nesta especialidade.


É inxustificábel que un instrumento de tanto arraigamento e tradición en Galiza como é o acordeón non sexa considerado pola Consellaría para ofertalo como especialidade. A CIG-Ensino exixe, unha vez máis, que para o vindeiro curso se oferte, sen demora, a especialidade de Acordeón, co seu respectivo profesorado, no Conservatorio Profesional de Santiago de Compostela para evitar que o alumnado de Compostela e da bisbarra sexa discriminado. 

ESCRITO

Volver