
A CIG-Ensino valora positivamente a participación nas concentracións da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público
Máis de 2.000 persoas, entre as que se atopaban pais e nais, estudantes e docentes súmanse á convocatoria
O Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, lembrou que estas mobilizacións teñen como obxectivo rexeitar a situación dramática que atravesa o ensino publico despois das medidas postas en marcha polo PP desde a Xunta de Galiza e as aprobadas polo Goberno central, que a Consellaría xa dixo que ía aplicar.
Louzao lamentou que a Consellaría de Educación en lugar de actuar como máxima autoridade educativa actúe de xeito cómplice e incluso presuma de ter sido pioneira en aplicar medidas lesivas para o ensino público.
Anxo Louzao insistiu hoxe en que a CIG-Ensino non está disposta a que se apliquen máis recortes e pediu a retirada do Real Decreto Lei 14/2012 porque invade competencias e nos sitúa nun estado preautonómico, suporá o despedimento de miles de profesores, aumentará o fracaso escolar, reducirá a calidade e expulsa do ensino aos que teñen menos recursos.