A CIG-Ensino urxe ao Ministerio a abordar xa a reforma do sistema de oposicións docentes e alerta de que este ano haberá de novo unha elevada taxa de prazas desertas

A secretaria nacional, Laura Arroxo, fixo esta petición durante a Mesa Sectorial na que se tratou o Proxecto de Orde pola que se aproba o temario da fase de oposición para a Inspección educativa.

A representante do sindicato galego tamén se interesou por saber cando vai ser a próxima reunión do grupo de traballo no que se están a abordar as ratios en infantil e bacharelato, dado que estaba prevista unha nova reunión este mes, á vez que solicitou que o RD que as vai regular sexa tramitado pola vía de urxencia para evitar que se alongue no tempo e poida entrar en vigor no que queda de lexislatura.

Este mércores 8 celebrouse a Mesa Sectorial docente do Ministerio de Educación para tratar o Proxecto de Orde Ministerial pola que se aproba o temario da fase de oposición do procedemento selectivo de acceso ao corpo de Inspección educativa. A CIG-Ensino demandou que, ao igual que se procedeu xa a modificar o sistema de acceso ao corpo de inspección a través do Real Decreto 68/2026 e agora se modifica tamén o temario, urxe abordar xa a modificación ou substitución do Real Decreto 276/2007 de ingreso e acceso ao resto de corpos docentes, así como actualizar os temarios. O sindicato manifestou a súa preocupación polo que está a acontecer nas oposición deste ano, xa que dos datos que de momento trasladan as persoas opositoras en Galiza -despois da publicación das notas da primeira parte- despréndese que van quedar numerosas prazas sen cubrir. Así, non se lle pon remedio á elevada temporalidade que hai no sector público e en concreto na docencia e mesmo se pon en risco o correcto funcionamento do sistema educativo, dado que hai especialidades nas que xa é complicado atopar persoal para realizar substitucións.

Con respecto ao Proxecto de Orde que pasou pola Mesa Sectorial non propón cambios significativos con respecto á Orde vixente (EDU/3429/2009) que será derrogada tras a súa publicación. Inclúe aspectos novos, actualiza conceptos e sobre todo redistribúe as epígrafes en áreas temáticas para adaptarse ao novo sistema de oposicións.

Previsiblemente este proxecto pasará polo Consello Escolar do estado o 23 de xullo e prevese a súa publicación no mes de setembro.

Achegas da CIG-Ensino

A continuación destácanse as principais achegas do sindicato maioritario en Galiza ao articulado do borrador da Orde:

Solicitamos que se revise o texto para garantir o uso dunha linguaxe inclusiva ao longo de todo o articulado.

Artigo 2

Texto do proxecto:
"A efectos de legislación, deberá entenderse la vigente en la fecha de realización de la primera prueba del procedimiento selectivo."

Proposta:
Consideramos que a data de referencia para determinar a lexislación aplicable debería ser a da publicación da convocatoria do procedemento selectivo, e non a da realización da primeira proba.

Esta modificación contribuiría a reforzar a seguridade xurídica das persoas aspirantes e garantiría a igualdade de oportunidades durante a preparación do proceso selectivo. Na práctica, as probas adoitan celebrarse no mes de xuño, período no que poden producirse modificacións normativas de relevancia. De feito, este mesmo ano en Galiza publicáronse cambios lexislativos durante ese mes.

Resulta pouco razoábel esixir ás persoas opositoras que permanezan pendentes ata os días inmediatamente anteriores á realización da proba de posíbeis modificacións normativas que poidan afectar ao contido do exame. A vinculación da lexislación aplicábel á data da convocatoria proporciona maior estabilidade, previsibilidade e equidade ao proceso selectivo.

Anexo IV

Texto do proxecto:
"Las convocatorias podrán establecer previsiones sobre la distribución de las preguntas entre dichas áreas temáticas."

Proposta:

Solicitamos substituír “poderán” por “deberán” xa que, deste xeito, obrigaríase aos tribunais a garantir a distribución proporcional das preguntas entre as distintas áreas temáticas que conforman a proba, evitando que poida producirse unha sobre representación dalgunha área temática motivada por criterios alleos ao propio contido do temario.

Contexto da norma 

O sistema de acceso ao corpo de inspección está regulado no Real Decreto 68/2026, do 4 febreiro, pola que se regula a inspección educativa, na sección terceira, na que se especifica que o procedemento consta de tres partes: unha fase de oposición, unha fase de concurso e unha fase de prácticas. 

A súa vez, a fase de oposición consta tamén de tres partes:

  1. Contestación por escrito dun cuestionario de entre 20 e 30 preguntas de desenvolvemento breve, referido á parte A do temario, con carácter anónimo.
  2. Realización por escrito dunha proba práctica na que se analicen un ou varios supostos prácticos sobre as técnicas adecuadas e competencias necesarias para a actuación da inspección educativa, na que poderá exixirse a elaboración dun informe de Inspección. Requerirase a lectura da proba ante o tribunal.
  3. Exposición oral dun tema referido á parte B do temario elixido entre 2 extraídos por sorteo ante o tribunal. 

As tres probas serán eliminatorias e valoraranse de 0 a 10 puntos, sendo necesario obter unha puntuación igual ou superior a 5 para poder optar a unha praza. 

A puntuación final da fase de oposición será o resultado de ponderar nun 30% a primeira proba, nun 40% a segunda e nun 30% a terceira.

Volver