A CIG-Ensino urxe a Educación a corrixir canto antes os erros na exclusión de persoal interino das listaxes de contratación

A Consellaría publicou o venres unha listaxe con 2200 persoas excluídas das listaxes de persoal interino.

Esta decisión veu precedida dunha reunión cos sindicatos asinantes do acordo de persoal interino, do que a CIG-Ensino, como é ben sabido, non forma parte.
ACTUALIZACIÓN
Despois da denuncia efectuada pola CIG-Ensino, o 2 de agosto a Consellaría publicou unha relación nova e revisada de persoal excluído das listaxes de interinidades resolvendo todas as reclamacións presentadas polo sindicato e, en xeral, reintegran nas listaxes os casos de persoas excluídas de especialidades non convocadas así como as que figuran como “retirados” das oposicións. Ademais, como solicitara a CIG-Ensino este novo documento incluirá non só motivo senón tamén a especialidade ou especialidades das que resulta excluído.

En todo caso, manterase o mesmo prazo de reclamacións da listaxe publicada a semana pasada e agora rectificada.

Corrección de erros. Ligazón
 

A Consellaría, xunto coa publicación da lista indicou que para reclamar se debe rexistrar unha instancia xenérica dirixida á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos a través da sede electrónica, indicando no asunto: RECURSO RESOLUCIÓN DO 26 DE XULLO DE 2022 PERSOAS EXCLUÍDAS DE LISTAS PRIMARIA OU SECUNDARIA

O prazo para facelo vai do 27 de xullo ao 26 de agosto.

Con todo, ese prazo, só ten sentido con aquel persoal que pola súa posición nas listas non ten opcións a obter un destino na adxudicación de CADP porque a corrección pode chegar a tempo para a inclusión na lista a comezos de setembro para chamamentos telefónicos.

Non é así nos numerosos casos que lle foron comunicados á CIG-Ensino por profesorado afectado cuxo lugar na lista fai agardar que tivesen destino e, coa exclusión errónea, non o tiveron na adxudicación provisional do venres 26 á noite.

Deben correrirse todos os erros e non deixar fóra a ninguén indebidamente

Os problemas que se poden derivar de exclusións incorrectas de persoal que tería dereito a unha interinidade na adxudicación informática son enormes, polo que desde o sindicato demandamos da Consellaría que os depure e así llo comunicamos en canto tivemos coñecemento deles.

Desde a Dirección Xeral confirmaron que tiñan unha relación pouco numerosa de erros detectados e que a esas persoas xa lle remitiron un correo. Ao tempo, a dirección xeral solicitounos que lle deramos traslado de calquera incidencia que detectemos porque non tiñan garantía de que fosen detectalos todos. Desde o sindicato así o faremos, co obxectivo de que ningunha persoa que nunca debeu ser excluída quede fóra.

O urxente: quen podería ter destino de interinidade no CADP

Sempre que vos atopedes nalgún dos seguintes casos, nos que non vos poden excluír, debedes rexistrar a reclamación na sede electrónica da Xunta canto antes.

A maiores podedes mandar un email a galiza@cig-ensino.gal antes do luns 29 ás 14 horas. Trasladaremos á Consellaría todas as incidencias que se atopen nestes supostos:

1) Se vos presentastes ás oposicións e acudistes a todos os chamamentos do tribunal, independentemente de que aparezades nas listaxes publicadas polo tribunal como RETIRADO/A.

2) Se non se convocou proceso selectivo da especialidade ou especialidades das que formades parte.

3) Se vos presentastes a unha especialidade do mesmo ou doutro corpo, no caso de que se convocase proceso selectivo dunha especialidade da que xa estabades nas listas de substitución.

4) Se vos presentastes noutra comunidade autónoma e achegastes, a través da sede electrónica, á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, o correspondente xustificante de asistencia.

5) Se consolidastes o voso posto nas listas de substitución unha vez rematado o prazo de inscrición nas oposicións.

Que facer noutros casos?

No caso de que pola vosa posición na lista non teñades ningunha opción a obter destino na adxudicación informática debedes reclamar igualmente na sede electrónica para que, se é un erro, vos restitúan nela a comezos de setembro. Neste caso podedes tamén mandarnos un correo para revisar os casos unha vez rematado o prazo de reclamacións.

Volver