A CIG-Ensino, UGT, CCOO, USO e SNEP confirman novas mobilizacións no ensino concertado ante a calada por resposta da Consellaría, que se amosa coma unha auténtica fábrica de conflitos
As cinco OO.SS convocan concentracións para o 26 de xuño nas cidades de Vigo e A Coruña e se non hai avances nas súas reclamacións folga o primeiro día lectivo do curso 26-27
Coas mobilizacións esta representatividade do ensino concertado reafirma a súa exixencia de apertura dun proceso de negociación real, efectivo e respectuoso, convocando a Mesa Tripartita, que permita avanzar cara á recuperación de dereitos e melloras substanciais laborais e salariais para o persoal do sector, así como a mellora da calidade educativa na Galiza.
A CIG-ensino chama ás traballadoras e traballadores do ensino concertado a non permanecer impasíbeis ante esta situación de desprezo, a estar dispostos e dispostas a defender os seus dereitos ata que se produzan cambios efectivos e significativos, e non esmolas nin parches coma os que dá a Consellaría de Educación como e cando quere. Ademais estas mobilizacións deben apuntar e poñer en preaviso tamén ás patronais do sector, no que ten que ver coa negociación actual do VIII convenio da concertada en Madrid e que regula as verdadeiras condicións laborais e salariais do sector, polo que reclama, en definitiva, respecto e dignidade tanto á administración como ás patronais do sector. “Respecto para un colectivo profesional, docente e non docente, que sostén unha parte esencial do sistema educativo, e dignidade para desenvolver o seu traballo en condicións xustas e non a “low-cost”, como pretende este goberno do PP de Rueda, tanto neste sector coma noutros servizos públicos que tamén están nas rúas, como a educación infantil 0-3 anos, a atención á discapacidade, a protección de menores e reforma xuvenil, o ensino público, a sanidade e a administración; e outros máis como SAF, centros de atención á dependencia, maiores...
As organizacións sindicais que mantemos esta unidade representamos conxuntamente a maioría sindical do sector en Galicia e apostamos por seguir avanzando desde a unidade de acción, convencidas de que a mobilización é a mellor ferramenta para defender os dereitos e mellorar as condicións laborais de todas as persoas traballadoras do Ensino Concertado.
Novas relacionadas



