A CIG-Ensino traslada á ministra de Educación as demandas urxentes para que se cumpra a “lexislatura do profesorado”

A secretaria nacional do sindicato citou, entre outras, a recuperación das 18 horas e a redución de ratios, a atención á diversidade, a reforma das oposicións, a creación dun único corpo docente A1, a revisión da LOFP e a xubiliación anticipada.

Esta mañá a nova titular do Ministerio de Educación, Milagros Tolón, recibiu a petición propia á secretaria nacional da CIG-Ensino, Laura Arroxo, e á secretaria de Finanzas e Saúde Laboral, Marta Ferreiro, dentro da rolda de contactos que está a manter coas organizacións representativas do sector desde que asumiu o cargo. Un xesto de cordialidade que, cando menos, contrasta coa actitude de desprezo que amosa o conselleiro de Educación cara o sindicato maioritario en Galiza que lle leva reiterado o inicio de negociacións durante todo este curso académico.

Durante a reunión coa nova ministra, que transcorreu nun clima de cordialidade, a responsábel da federación de Ensino da CIG lembroulle as palabras da súa antecesora ao respecto de que esta ía ser a lexislatura do profesorado e o lonxe que se situaba esta información. Malia recoñecer que se producira con bastante rapidez a negociación do Anteproxecto de Lei que pretende regular a recuperación do horario lectivo previo aos recortes de 2012 e a baixada de ratios, neste último caso menos ambiciosa do que quería o sindicato, agora a súa tramitación parlamentaria pode demorarse moitos meses e mesmo bloquearse polo que desde a CIG piden que se teña preparada outra medida para aprobar esta normativa antes de que finalice a lexislatura. Durante a conversa tivo principal protagonismo a atención á diversidade. Partindo das estatísticas que anualmente publica o Ministerio, Arroxo amosou a súa preocupación pola falta de profesionais neste eido coa particularidade galega de que a baixada do horario en infantil e primaria non veu acompañada dun incremento no número de mestras e especialistas e tamén pola escola rural que deixa en desvantaxe a este alumnado ao carecer de de persoal. 

Ademais, segundo lle trasladou Arroxo, hai outras cuestións que levan lastrando o bo funcionamento do sistema educativo, e que son competencia directa do Ministerio, “e que non deberían tardar en negociarse máis alá deste ano, como a actualización do Real Decreto de acceso e ingreso na función pública docente despois de 20 anos e a dificultade cada vez maior de encontrar profesionais en determinadas especialidades”. “Aínda así -comentou Arroxo durante a reunión- a reforma do sistema selectivo non garante a solución a este problema dado que é necesario prestixiar e facer máis atractiva a profesión docente, duramente castigada nos últimos anos polos recortes, a falta de recoñecemento social, a burocratización e as inxerencias administrativas”. A maiores trasladoulle outros aspectos que o sindicato maioritario en Galiza considera fundamental abordar nas distintas mesas de negociación a nivel estatal: a aprobación dun único corpo docente, enmarcado no grupo A1; a revisión da aplicación de Lei Orgánica de FP que está resultando moi complexa de aplicar e alónxase dos resultados positivos desexados e outras cuestiones de dereitos do profesorado, como a dignificación salarial e a regulación da xubilación anticipada na liña de recuperar os dereitos anteriores á reforma das pensións de 2011.

Por último, na súa interlocución con Milagros Tolón salientou que “aínda que na CIG-Ensino apostamos pola negociación dunha lei de mínimos que permita o desenvolvemento das plenas competencias en materia de educación en Galiza, é necesario avanzar no recoñecemento por parte do goberno do Estado da súa realidade plurinacional, plurilingüística e pluricultural no  ámbito educativo para frear o avance de posición totalitarias e reaccionarias ao que, lamentablemente, no son alleas as aulas do noso país”.

Volver