A CIG-Ensino suma o apoio de SNEP e da CUT de cara á folga do 6 de novembro nos sectores de infantil 0-3, menores e discapacidade
Nunha xuntanza celebrada onte estes dous sindicatos con representación en menores e infantil acordaron secundar esta convocatoria. UGT e CCOO declinaron participar e emprazaron a unha xuntanza posterior á data da folga.
Despois da exitosa manifestación do pasado 25 de outubro dos sectores da atención á discapacidade, da educación infantil 0-3 anos e da protección e reforma de menores, na que se apreciou unha enorme unidade do persoal traballador, a CIG-Ensino, respondendo á demanda do persoal, púxose en contacto coas organizacións sindicais dos tres sectores en aras a acadar a maior unidade sindical posible de cara á folga do próximo 6 de novembro. Esta demanda xa aparecía nas campañas de recollida de sinaturas levadas a cabo pola CIG-Ensino por un convenio galego para os tres sectores e que xa teñen noutros do ámbito dos coidados e da atención ás persoas.
Finalmente á reunión, celebrada onte, acudiron os sindicatos SNEP (que ten representación nas escolas do primeiro ciclo de infantil de xestión privada) e a CUT (con representación en menores), que aceptaron entrar na unidade sindical e participar na folga do 6N coincidindo coas reivindicacións da CIG-Ensino. Así, xa se aproveitou para acordar boa parte dos pormenores organizativos da mesma e planificar canto antes novas accións reivindicativas, vista a actitude de desprezo e de desconsideración da Consellaría de Política Social, con Fabiola García á fronte, que está desatendendo as demandas destes tres ámbitos nos que o seu departamento ten todas as competencias. CCOO e UGT declinaron participar nesta xuntanza postergando a súa asistencia a unha nova reunión despois da xornada de folga, coa finalidade de dialogar e de explorar posibles vías de unidade sindical coas reivindicacións que nos unan a todas as OO.SS para dar resposta á situación tan precaria que teñen estes tres sectores de atención ás persoas.
Chamamento a todo o persoal traballador a secundar a folga do 6N sen caer na confusión dos “acordos” dos que fala algunha patronal
O responsábel de Ensino Privado da CIG, Henrique García dirixiuse ante a que é a primeira folga conxunta destes tres sectores na historia en Galiza aos máis de 5.000 traballadores e traballadoras lembrándolles que “a vosa forza está na organización e na mobilización”. Tal e como se demostra en múltiples conflitos ao longo dos últimos anos, só coa loita e a unión do persoal traballador se conquistan dereitos. E pon o exemplo de que a administración galega se faga cargo da suba salarial do XVI convenio estatal de discapacidade desde xaneiro deste ano (aínda que tarde, mal e arrastro e de parte da cantidade, non do 10%). “De non producirse as campañas e mobilizacións convocadas pola CIG-Ensino e secundadas maioritariamente polo persoal traballador isto non se tería producido. Pero non podemos parar aí porque a suba incorporada é insuficiente, faltan as reivindicacións da parte social: complemento autonómico, mesas tripartitas e melloras laborais no camiño de acadar convenios dignos, negociados no ámbito galego e adaptado á realidade do noso sector en mans de fundacións e asociacións sen ánimo de lucro fundamentalmente. Está claro que esta decisión tómaa agora a administración coa idea de desmobilizar o persoal traballador de cara a unha folga que lle dá moi mala imaxe fronte ás familias dos usuarios e usuarias e fronte á sociedade en xeral, porque pon en evidencia as malas condicións nas que ten que traballar o persoal dos centros de atención á discapacidade e á diversidade funcional”, explicou.
Ademais, a decisión de abonar a suba do XVI convenio deixa fóra ás asociacións con convenio propio (Aspronaga. Aspaneps, Apem, Camiña Social, Trama, Diagrama, Aldeas Infantís Sos Galiza...), ao non ver incrementados os módulos do concerto social o que pode implicar conxelacións salariais no mellor dos casos. Así pois, a administración toma unha decisión que discrimina e non responde ás demandas unánimes do sector da discapacidade en Galiza. “É importante que o persoal traballador non se deixe confundir polo anuncio de acordos dalgunha patronal porque é enganoso e que está sendo empregado pola administración, que é a que move toda esta estratexia, para boicotear a folga”, incidiu Henrique García.

Precisamente o responsábel de Ensino Privado da CIG fai un chamamento a todas as patronais do sector (AEDIGAL e INRED de discapacidade, AGACEME, GAFIX de menores e AGADEI de infantil 0-3) a que faciliten o dereito á folga do seu persoal en lugar de obstaculizalo, e que sexan valentes na liña de constituír mesas negociadoras no Consello Galego de Relacións Laborais en cada un dos sectores, co fin de dignificar as condicións laborais e salariais do seu persoal pero tamén de garantirse un financiamento axeitado para prestar os servizos esenciais que a administración delega nelas. García volveu insistir que ter convenios galegos é a única vía real e posible para darlle resposta ás reivindicacións do persoal traballador galego dado que os estatais nos tres ámbitos negociación tras negociación non solventan a precariedade existente. Ademais lembrou que o convenio galego sería garantista ao prevalecer agora no Estatuto dos Traballadores sobre o estatal.
Por último, instou á conselleira de Política Social, Fabiola García, a que exerza o cargo que ostenta e polo que cobra do erario público. “Está a tempo de que se desconvoque esta folga con medidas reais e coa súa implicación nas negociacións no CGRLs”, concluíu.
Novas relacionadas


 
       
       
  
  
