A CIG-Ensino solidarízase coas coordinadoras e coordinadores provinciais e central de Normalización Lingüística

Demisión

A CIG-Ensino tivo coñecemento hoxe da dimisión das e dos coordinadores provinciais de normalización lingüística, así como da coordinación central de Compostela. Desde varios centros recibimos mostras de preocupación ao ter coñecemento da dimisión deste equipo de persoas que ao longo de máis de tres anos e medio viñeron desenvolvendo o seu traballo en prol da nosa lingua, propiciando pasos adiante e melloras en diferentes aspectos, e que supuxeron un avance importante polo seu labor de asesoramento aos centros cos que mantiñan contacto permanente.
A CIG-Ensino solidarízase coas coordinadoras e coordinadores provinciais e central de Normalización Lingüística
 
 
A CIG-Ensino recibiu a preocupación dos centros ante a dimisión do equipo de coordinadores provinciais e central de normalización.
 
A CIG-Ensino tivo coñecemento hoxe da dimisión das e dos coordinadores provinciais de normalización lingüística, así como da coordinación central de Compostela. Desde varios centros recibimos mostras de preocupación ao ter coñecemento da dimisión deste equipo de persoas que ao longo de máis de tres anos e medio viñeron desenvolvendo o seu traballo en prol da nosa lingua, propiciando pasos adiante e melloras en diferentes aspectos, e que supuxeron un avance importante polo seu labor de asesoramento aos centros cos que mantiñan contacto permanente.
 
A CIG-Ensino quere trasladarlles publicamente o recoñecemento ao seu traballo e solidarizarse con eles e elas na toma desta decisión que supoñemos difícil, xa que este equipo renuncia ao seu posto dous anos antes de que finalice a duración das coordinacións.
 
A CIG interpreta que o novo contexto xerado coa derrogación do Decreto 124 e agora coa publicación do Decreto 79 puido dificultar o seu traballo e que non contaron co apoio suficiente para o desenvolvemento do seu labor, pois é evidente que o contexto en que deben realizalo mudou de vez, cunha Consellaría de Educación que neste momento só está preocupada de restarlle presenza ao galego como vimos comprobando e denunciando ao longo destas semanas e que imposibilita a realización de calquera traballo en prol do noso idioma.
 
A CIG-Ensino considera que a única dimisión que se debería producir na Secretaría Xeral de Política Lingüística é a do seu máximo responsábel Anxo Lorenzo, pola súa actitude antigalega. Desde a toma de posesión veu dando mostras continuadas e inequívocas de que a súa posición é contraria ao noso idioma, adoptando constantes medidas contra del. A CIG-Ensino esíxelle que dunha vez por todas presente a súa dimisión en beneficio da nosa lingua.

Volver