A CIG-Ensino solidarízase co profesorado balear e desexa que acaden a derrogación do decreto de trilingüismo
Exixímoslle á Consellaría de Educación que abandone o seu modelo de trilingüismo e mude a súa actitude galegófoba
Segundo a información que até agora transcendeu, o Tribunal Superior Balear tumba o Decreto por se ter vulnerado un dos elementos esenciais no seu trámite, a consulta da Universitat de les Illes Balears (UIB), que ten competencias en materia de lingua. Malia as diferenzas, podemos apreciar certas similitudes sobre o que significa o trilingüismo como mecanismo de redución da lingua propia entre o Tribunal Balear que acepta a argumentación dos recorrentes sobre o feito de que non se avaliou debidamente o impacto dun decreto de trilingüismo e o Consello Consultivo de Galiza no seu día.
Cabe sinalar que a Sala do Tribunal non examina a totalidade dos motivos polos que demandan os recorrentes ao considerar que tanto o incumprimento da consulta á UIB como “a insuficiencia da Memoria da análise do impacto normativo” son elementos que por si sós dan lugar á estimación do recurso contra o Decreto e por tanto a unha sentenza de nulidade e suspensión do mesmo.
Nos medios cataláns podemos ler análises sobre a situación da lingua en que se deixa claro que o goberno do PP nas Illes Balears fixo do anticatalanismo a súa bandeira e emprendeu unha reforma da Lei de normalización de xeito unilateral, efectivamente algo moi semellante do que sucedeu en Galiza.
Mais se podemos atopar similitudes no texto normativo agora anulado, na intencionalidade do goberno que o promulga ou no combate que o profesorado balear emprendeu para impedir a súa aprobación e aplicación co Decreto de Plurilingüismo galego, non así na reacción do PP balear que ante a situación creada cesou a conselleira responsábel, algo que, desde a CIG-Ensino, interpretamos como unha evidencia de que o PP galego ten un deseño de eliminación da nosa lingua, que se constata en cada decisión que sobre o galego se adopta..
No caso balear, e como cabe agardar nunha situación destas características, xa se produciu a dimisión da conselleira responsábel e a que será nomeada nova conselleira anunciou que dialogará co profesorado para resolver a situación. “Exactamente como sucedeu en Galiza” tras a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza, se se nos permite a ironía.
A CIG-Ensino solidarízase co profesorado balear nesta loita e deséxalle que acade a derrogación do Decreto de Trilingüismo en beneficio da súa lingua propia. Ao mesmo tempo, exixímoslle á Consellaría de Educación que abandone o seu modelo de trilingüismo e mude a súa actitude galegófoba.