A CIG-Ensino solicitoulle á Consellaría que informe aos centros de que o permiso por deber inescusábel inclúa o coidado domiciliario dos fillos e fillas menores enfermas

A CIG-Ensino tamén lle esixiu á Consellaría de Educación que adapte o Xade á nova Orde de permisos e licenzas

A CIG-Ensino dirixiuse por escrito á Consellaría de Educación para solicitarlle que poña en coñecemento das súas traballadoras e traballadores que, para os efectos da aplicación do artigo 14 da nova Orde de permisos e licenzas, ademais do acompañamento dos fillos e fillas ás visitas médicas, tamén teñan a consideración de deber inescusábel de carácter persoal, por deberes relacionados coa conciliación da vida persoa e familiar e polo tempo indispensábel, o coidado domiciliario dos fillos e fillas menores con algunha enfermidade, cando se poida documentar mediante o correspondente informe médico.

A CIG-Ensino solicita igualmente que se revisen todas as solicitudes deste permiso e que se pasen a xustificar polo dito artigo 14, apartado 6, e non, como instruíu a inspección en numerosos casos, con cargo ás horas para imprevistos. Para evitar esta interpretación, a CIG-Ensino instou a Consellaría a que comunicase aos centros esta especificación coa finalidade de que se xustifiquen debidamente as ausencias e a que publique unha corrección de erros da Orde, a fin de que o artigo 14 recolla esta interpretación.

A CIG-Ensino lembra que esta interpretación é a que se vén realizando por parte da Administración do Estado e sobre a que existe xurisprudencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. O TSXG deixou claro, por medio de sentenza, como debe ser interpretado o artigo 110 do Código Civil, en canto ao deber dos pais e nais de velar polos seus fillos e fillas menores, unha interpretación que repercute no artigo 37 do Estatuto dos traballadores e no artigo 48 do Estatuto básico do empregado público.

Adaptación do Xade á nova de Orde de permisos e licenzas

Ao tempo, a CIG-Ensino instou a Consellaría para que actualice a aplicación do XADE de acordo coa nova Orde de pemisos e licenzas, pois, actualmente, a numeración do articulado que figura no XADE non se corresponde coa que figura na orde nin se recollen as modificacións aprobadas na nova orde, e que, unha vez adaptada a aplicación, o comunique aos centros.

Volver