A CIG-Ensino solicítalle á Consellaría que o alumnado de 2º de Bacharelato poida escoller materias específicas para subir nota nas PAU
O alumnado que, ao inicio de curso, optou por unha materia específica coa intención de posteriormente elixila para as PAU, agora non pode facelo
Reproducimos o escrito dirixido ao Director Xeral de Educación, FP e Innovación Educativa:
"Como vostede saberá, a CIG-Ensino convocou e participou en diferentes accións e mobilizacións a fin de paralizar e derrogar a LOMCE, non só por ser lesiva para a calidade do ensino, senón tamén polo despropósito e atropelo permanente en que se converteu a súa aplicación, que sementou dúbidas e incertezas na comunidade educativa e supuxo desprezo polo traballo do profesorado e desconsideración co alumnado, nomeadamente por ter que sufrir as reválidas.
Grazas ás mobilizacións víronse obrigados a suprimir as reválidas, aínda que en moitos casos os prexuízos causados non foron emendados. Isto é o que acontece co alumnado de 2º de Bacharelato que, mentres o R/D 310/2016 (BOE do 30 de xullo de 2016) regulaba a avaliación final de educación secundaria obrigatoria e bacharelato, establecendo entre as materias obxecto de avaliación “unha materia do bloque de materias específicas”, agás Educación Física e Relixión; a Orde do 23 de decembro de 2016 (BOE 23 de decembro de 2016) determinaba as características, deseño e contido da avaliación de bacharelato e fixaba como materias para mellorar nota só as de opción do bloque das materias troncais, excluíndo as específicas. Isto supón que o alumnado que, ao inicio de curso, optou por unha materia específica coa intención de posteriormente elixila para as PAU, agora non pode facelo. Este foi o caso de moito alumnado que colleu Ciencias da Terra como materia específica, co obxecto de avaliarse dela nas PAU para subir nota, e que agora, iniciado o 2º trimestre, se ve imposibilitado.
Por todo isto, solicitamos que se leven a cabo as xestións necesarias para que se modifique esta normativa e se permita, de ser o caso, que o alumnado poida elixir unha das materias específicas nas PAU dentro das materias fixadas para subir nota. "