A CIG-Ensino solicita unha nova mesa sectorial para continuar a negociación pero a Consellaría só se compromete a revisar as propostas que o sindicato presentou hoxe
A CIG-Ensino presenta unha batería de propostas á Resolución sobre a xornada semanal do persoal docente para o curso 26/27 froito das achegas do profesorado
Entre as principais reclamacións destacan a recuperación do horario das 21 horas para o corpo de mestras, as reducións por titorías e coordinacións e a actualización da dedicación horaria dos equipos directivos dos centros de infantil, primaria e educación especial. A respecto do horario de Secundaria, FP e ensinanzas de réxime especial incidiuse na recuperación sen excepcionalidades das 18 horas lectivas, unha compensación para os centros nos que as sesións duran 60 minutos, blindar a redución horaria da titoría, recuperar a hora de reunión de departamento, manter as condicións actuais para a xefatura de departamento e as coordinacións de dinamización da lingua galega e FCT dado que o novo texto supón un retroceso e que se inclúa a formación de todo o profesorado dentro do horario lectivo
A CIG-Ensino lamenta que se perdera unha nova oportunidade para “recuperar os dereitos que nos roubaron, as 21 horas en primaria e as 18 en secundaria e outras ensinanzas, e que mesmo se empeore respecto á situación actual na dedicación horaria de moitas coordinacións e das xefaturas de departamento”, tal e como sinalou a súa secretaria nacional, Laura Arroxo ao remate da Mesa Sectorial na que se analizou o texto da Resolución pola que se ditan instrucións sobre a xornada semanal do persoal docente no curso académico 2026/2027. “En todo caso, calquera mellora ten que ir acompañada de aumento de profesorado, para que sexa real e efectiva, e que non ocorra o que supuxo a redución horaria no corpo de mestras que trouxo unha merma da calidade da atención educativa sobre todo do alumnado máis vulnerábel. Por iso pedimos uns criterios claros para o estabelecemento dos cupos dos centros de secundaria, bacharelato e FP que se conforman durante o mes de xullo e se materializan en setembro. Ao inicio de curso saberemos se é certo que se cumpre o que di o documento porque a rebaixa ás 18 horas tería que supoñer un incremento de persoal en case todos os centros e a CIG-Ensino fará un seguimento moi exhaustivo de que isto sexa así”, comentou.
Arroxo comezara a súa intervención na Mesa lamentando que este documento fora presentado como “pechado” ante os medios de comunicación e mesmo ante os equipos directivos das catro provincias antes desta reunión. “Unha verdadeira Mesa de negociación comezaría hoxe, ben sobre este documento ou sobre outra nova proposta, e incorporaría algunha das centos de achegas que nos fixo chegar o profesorado. A CIG-Ensino pediu expresamente continuar con esta negociación e convocar outra reunión para avanzar neste documento. A Consellaría non confirmou que convocaría outra mesa sectorial e simplemente dixo que analizaría algunha das cuestións que plantexamos. Isto demostra que o presidente Rueda mentiu deliberadamente ao acusar á CIG de non querer negociar.
As grandes ausencias do documento
Na intervención da CIG-Ensino durante a negociación tamén se destacou que este documento non teña vocación de permanencia e se presente só para o vindeiro curso académico. Ademais salientouse todo o que se bota en falta a respecto das reclamacións da comunidade educativa e do profesorado que levaron a que este fora o curso máis conflitivo das últimas décadas con seis xornadas de folga docentes, o maior número de días de todo o Estado no que vai de curso. Neste sentido, o sindicato sinalou como elementos fundamentais que deben ser abordados:
- Baixada de ratios no primeiro curso de todas as etapas a partir de setembro deste ano e non agardar a que estas se vaian acomodando á demografía.
- Sobre os anuncios relativos á maior dotación de persoal para atender á diversidade, de novo antes na prensa que na Mesa de negociación, concreción sobre o número de especialistas e de persoal orientador que se incorporaría ao ensino público e garantía de estabilidade coa convocatoria destas prazas como definitivas nos centros no Concurso Xeral de Traslados.
- Sobre o anuncio de que se prevén actualizar os catálogos dos centros de infantil e primaria do ano 2007 para setembro do curso que vén, algo totalmente imposíbel ao estar xa a mediados de maio, iniciación canto antes das negociacións nesta Mesa Sectorial.
- Plan real de redución da burocracia que inclúa medidas concretas que eliminen trámites á marxe de anuncios propagandísticos e de investimentos millonarios en plataformas informáticas.
- Redución do horario lectivo para maiores de 55 anos contemplada na LOE e aplicada xa en moitas comunidades.
- Novo acordo retributivo cun incremento do complemento autonómico para todo o profesorado.
- Recuperación do cobro do pagamento do verán para o persoal substituto que traballe cando menos 5 meses e medio.
- Fin da discriminación salarial do profesorado especialista de sectores singulares da FP.

