A CIG-Ensino solicita na mesa xeral da administración pública que se elimine a restrición para que o persoal substituto cobre o verán

Tamén esixe que a ampliación do permiso por nacemento, adopción e acollemento non deixe fóra as traballadoras da Xunta

Na mesa xeral celebrada onte, 16 de outubro, para negociar a lei de orzamentos e a lei de medidas que os acompaña a CIG presentou unha serie de achegas entre as que destacamos a que pretende que o goberno elimine a suspensión do cobro do verán por parte do persoal substituto que traballe máis de cinco meses e medio ao longo dun curso.

De igual forma a representación da CIG tentou que a recente modificación estatal do permiso por nacemento, adopción ou acollida que supón unha ampliación de tres semanas –dúas destinadas ao coidado do menor, que se poden gozar até os 8 anos, e unha correspondente ao propio nacemento, adopción ou acollemento–, non quede sen ser ningunha mellora real para as mulleres que traballan para a administración autonómica, que xa teñen recoñecidas 22 semanas de permiso.

No caso das docentes, até o de agora, a Seguridade Social ou a Xunta aboaban 16 semanas (dependendo de se se trataba de persoal interino ou fixo respectivamente) e as 6 restantes eran asumidas nos dous casos pola administración galega para completar as 22 semanas que teñen recoñecidas. Coa nova normativa, a Seguridade Social e a Xunta (no caso das funcionarias de carreira) pasarán a sufragar 19 semanas, polo que esta última só achega 3 semanas para manter esas mesmas 22. Esta situación é particularmente relevante no ensino porque é o único sector no que a Xunta se fai cargo das primeiras semanas para as mutualistas pertencentes a MUFACE, dado que no SERGAS ou no resto da administración autonómica asúmeas, e así o seguirá facendo, a Seguridade Social. En calquera caso, o permiso, se non se teñen en conta as achegas da CIG, non aumentará para as mulleres e mesmo a Xunta aforrará cartos a costa dos seus dereitos ao deixar de financiar tres semanas no caso do persoal interino e substituto docente e no resto das traballadoras da administración.

As familias monoparentais seguen discriminadas

A Xunta tampouco aceptou a demanda da CIG de que as familias monoparentais poidan gozar das 22 semanas 19 da outra persoa proxenitora, quedando a súa situación con 22 + 10 porque a administración entende que as seis primeiras semanas de descanso obrigatorio non se duplican nestes casos. Esta decisión xa supuxo un recorte no seu día dado que as mulleres, maioritariamente, puideren ter até 38 semanas no caso de ser monoparentais. Lamentabelmente a administración galega non aproveitou a introdución destes cambios para reverter esta situación. 

Volver