A CIG-Ensino rexistrou denuncia na Inspección de Traballo contra Educación polas “recomendacións sanitarias” que entran en vigor hoxe nos centros

O departamento que dirixe Carmen Pomar trata peor ao seu persoal que o resto de empregadas da Xunta de Galiza para as que si existe un protocolo de reincoporación ao traballo presencial

O sindicato denuncia o incumprimento da lexislación en prevención de riscos laborais, ao non se ter negociado coa representación sindical e ao se tratar dun documento sen rango normativo que dificulta a xestión e non garante a saúde laboral.

Logo da carta remitida á titular da Consellaría e da nula vontade negociadora do departamento educativo da Xunta, o sindicato maioritario presentou, como xa anunciara, denuncia en materia de prevención de riscos laborais contra a Consellaría de Educación, coincidindo coa incorporación aos centros educativos de máis persoal a partir de hoxe, 11 de maio, para poder atender a fase final do prazo de admisión en centros escolares.

Para a CIG-Ensino a decisión da Consellaría de programar a apertura dos centros escolares é inaceptábel por:
  • Non negociar esta reapertura, como é preceptivo en cumprimento da Lei de Prevención de Riscos.
  • Non se trata dun documento normativo, senón dunhas recomendacións e malia iso recollen que se aplicarán as indicacións que figuran nunha guía de actuación preventiva ante o coronavirus no ámbito da Administración Xeral da Comunidade, publicada no DOG do 17 de abril, e que exclúe expresamente o persoal dos centros educativos.
  • Dificulta a xestión das posíbeis dispensas de asistencia aos postos de traballo para o persoal que forme parte dun grupo vulnerábel, xa que indican que a dirección do centro emitirá un informe previo para acreditar a imposibilidade de realizar a adaptación do posto de traballo ou a dotación das proteccións necesarias.
  • É dilatar no tempo e burocratizar o procedemento ordinario consistente en que a persoa que se considere vulnerábel faga unha solicitude, ao servizo de prevención, que a exima de incorporarse ao posto de traballo.

Educación, peor que o resto da Xunta.

A CIG-Ensino reitera a determinación para que non se produza a incorporación do persoal se non existen todas as garantías e acusa á Consellaría de ter un peor trato co  persoal dos centros docentes que co resto do persoal da administración xeral da Xunta para o que, con independencia tanto das formas da negociación como do fondo do documento, si existe un protocolo publicado no DOG para a incorporación das traballadoras e traballadores e no cal se fixa un período dunha semana para unhas actuacións preliminares que comezan precisamente hoxe, durante a cal se realizará unha análise das necesidades de adaptación dos postos de traballo.

Educación nin negociou nada, nin publicou ningún texto normativo oficial nin programou o estudo das necesidades con antelación á incorporación de máis persoal máis alá dun integrante do equipo directivo. De aí a preocupación que como sindicato temos de cara a unha posíbel reincorporación de máis persoal docente de se producir algunha incorporación de alumnado ás aulas, aínda que só fose do de 2º de Bacharelato.

A CIG-Ensino alerta tanto ao profesorado como ao conxunto do persoal da necesidade de extremar as medidas de distanciamento e protección e denunciar calquera incumprimento en materia de saúde laboral, ao tempo que chama ás familias a que procuren usar a sede electrónica para formalizar a solicitude de admisión, facendo excepcional o desprazamento aos centros e procurando contactar antes coa dirección ou persoal administrativo para programar a visita ao centro, xa que a Xunta non fixou como obrigatoria a cita previa.

CIG

Chamada a matricularse no ensino público

No noso compromiso coa defensa dos servizos públicos e do ensino público en particular, desde a CIG-Ensino reiteramos a nosa campaña a favor da matrícula nos centros educativos públicos nesta última semana de reactivación do período de admisión.

O ensino público como garante de equidade social, oportunidades e compromiso social que debemos reforzar máis que nunca, tamén matriculando os nosos fillos e fillas.

Volver