A CIG-Ensino rexistrou a convocatoria de folga indefinida a partir do 1 de decembro na Escola Municipal de Música de Compostela

Tal e como anunciamos a semana pasada, ante a situación insostíbel que vive o conxunto dos 21 traballadores e traballadoras da Escola que seguen sen cobrar desde o pasado mes de agosto, o sindicato rexistrou o pasado venres a convocatoria oficial de folga da que xa están advertidos o Concello e a empresa concesionaria do servizo.

O sindicato que ostenta a representación do cadro de persoal e a delegada da Escola Municipal de Música rexistrou o pasado venres a convocatoria de folga indefinida a partir do día 1 de decembro despois de levar case tres meses sen cobrar o seu salario íntegro. Tan só recibiron unha nómina correspondente ao mes de agosto o día 6 de outubro. 

Ante esta situación que cualifican de “desesperada” e que pon en risco a viabilidade do servizo educativo, o conxunto dos traballadores e traballadoras tomaron de forma unánime esta decisión que xa está en coñecemento tanto da empresa como do Concello de Santiago. Desde o persoal docente e non docente lamentan as consecuencias que esta decisión poida ter no alumnado e nas familias que acoden á Escola e insisten en que intentaron por todos os medios que se resolvera antes de optar por esta saída tan “drástica”. A empresa segue aludindo á falta de liquidez para non facer os pagamentos ao asegurar que o Concello é o que non lle abonou as contías polo servizo que presta. Desde a CIG-Ensino instamos ás dúas partes a poñerlle fin a esta situación “tan lamentábel” e que garanta a prestación dun servizo fundamental para a capital de Galiza.

Volver