A CIG-Ensino rexeita os servizos mínimos fixados pola consellaría para a folga do 24 de outubro
Publicados no DOG o luns 23 de outubro
Os servizos mínimos publicados dificultan que o profesorado das unitarias exerza o seu dereito a folga con normalidade
O comité de folga mantivo unha reunión con responsábeis da Consellaría de Educación para fixar os servizos mínimos da folga do profesorado do 24 de outubro sen que se chegase a acordo.
A CIG-Ensino denuncia que o profesorado das unitarias verá dificultado o seu dereito a secundar a folga ao se incluír a obriga de garantir a apertura e peche de todos os centros.
A CIG-Ensino mostrou na xuntanza o seu rexeitamento aos servizos mínimos propostos ao entender que non debería ser preceptivo que todos os centros educativos tivesen a obriga de permanecer abertos, o que de por si supón unha clara limitación para que as mestras e mestres que traballan en unitarias (non dependentes de ningún CRA) poidan secundar a folga.
Porén a CIG Ensino logra que se inclúan as unitarias nos centros de menos de seis unidades, col cal a mestra ou mestre da unitaria poderá ser substituído por un membro calquera do equipo docente da mesma.
- Para evitar calquera dúbida e con total claridade
Quero ir á folga, teño que facer servizos mínimos? NON, a non ser que sexas UNintegrante da dirección (só un, o resto pode ir á folga). Se traballas nun centro de menos de 6 unidades e estás na dirección e hai unha persoa que non vai secundar a folga pode substituírte na obriga dos servizos mínimos. Isto tamén vale para o caso das unitarias.
Poden obrigarme a ir ao centro? Baixo ningún concepto. Estaríase incorrendo nun delito contra a liberdade sindical.
Teño que comunicar que vou ir á folga? Non, podes facelo libremente mais non tes obriga.
Comuniquei que ía ir traballar ou fun informado de que tiña que facer servizos mínimos. Podo exercer igual o dereito á folga? Por suposto. A túa ausencia no centro, coa posterior confirmación de que secundaches a folga, é suficiente.