A CIG-Ensino rexeita o traslado da escola infantil Santa Marta ao edificio do Instituto Municipal de Educación

O Concello de Vigo debería manter o centro educativo na súa ubicación actual

A CIG Ensino amosa a súa preocupación polo anuncio do alcalde de Vigo sobre o traslado da escola de educación infantil Santa Marta ao edificio do Instituto Municipal de Educación (IME).

Desde a CIG Ensino reclamamos o mantemento da escola na súa actual ubicación, ao tempo que consideramos que non se pode forzar o traslado urxente do Centro de Formación e Recursos da Consellaría de Educación, que se localiza no IME dende hai 30 anos.

Na CIG-Ensino rexeitamos a nova proposta da Alcaldía de Vigo para reubicar a escola de educación infantil Santa Marta, cuxo edificio pretende derrubar con urxencia o Concello. O edificio do IME, situado no camiño do Chouzo, alberga o propio Instituto Municipal de Educación, a sede de FOANPAS e o Centro de Formación e Recursos da Consellaría de Educación. 

O Centro de Formación e Recursos ofrece un servizo imprescindíbel dende hai 30 anos a todos os centros educativos do sur da provincia de Pontevedra e ao seu profesorado: organiza accións e proxectos de formación e innovación permanente, facilita todo tipo de recursos e alberga unha biblioteca especializada en educación, polo que consideramos que non se pode forzar tal servizo a un traslado urxente. Nin a CIG-Ensino nin o Consello Escolar Municipal recibimos información que fundamente a urxencia do derrubamento e traslado da escola infantil, xa que non se deu a coñecer ningún informe técnico nin se comunicaron prazos das intervencións que afectarían ao edificio da escola, nin houbo problema durante os traballos xa efectuados no barrio do Cura.

Por todo isto, instamos o Concello a asegurar a continuidade da escola infantil Santa Marta na súa actual ubicación e o mantemento do seu ciclo de 0-3 anos completo.

Volver