A CIG-Ensino rexeita absolutamente a proposta da consellaria do PP de ampliar o horario lectivo do profesorado

Chamará ao profesorado á mobilización sen desbotar a folga para que se retire esta orde

A CIG-Ensino baixo ningún concepto vai aceptar ningún tipo de cambio que supoña empeorar as condicións laborais e profesionais do profesorado e a asunción de responsabilidades que non lle sexan propias. En consecuencia imos facer un chamamento a todo o profesorado á mobilización, sen desbotar a folga co obxecto de que a Consellaría retire esta proposta de orde.

A consellaría vén de convocarnos agora ás 20:00 para unha mesa sectorial para o martes día 21. Sorprendentemente aparecen na orde do día como primeiro punto a modificación do horario do profesorado do corpo de mestres e tamén no do profesorado de secundaria.

Esta proposta supón liquidar de maneira antidemocrática e ilegalmente o acordo que o 8 de xullo de 2007 asinou a CIG-Ensino e o resto das organizacións sindicais coa Consellaría de Educación que se concretaba nun horario de docencia directa de 21 horas das 37 horas que corresponden á nosa xornada semanal e noutras melloras para a calidade do ensino.

Estamos ante unha proposta que supón un recorte sen precedentes nas condicións de traballo dos docentes que se vén sumar ao recorte dos nosos salarios en máis dun 7%. Pero é máis. Na proposta recóllense novos cometidos para o profesorado que nada teñen que ver coa docencia como é responsabilizarse da custodia do alumnado nos períodos de espera polo transporte escolar ou até que se inicie a actividade docente.

A zunia desta consellaría co seu profesorado non ten límites, ao pretender cargar ás súas costas os retallamentos no ensino público, ampliando a nosa xornada lectiva, responsabilizándonos de funcións que non nos corresponden, reducindo os nosos salarios, vilipendiándonos publicamente, desprezando a representación sindical,... e aínda teñen a cara dura de anunciaren propagandisticamente que pretenden mediante a Lei de Calidade incrementar a autoridade do profesorado.

A actuación perversa do conselleiro e a súa equipa chega a límites insospeitábeis ao esperar a estas alturas de curso para facer unha proposta deste calibre coa pretensión de imposibilitar a mobilización e a folga. Como é sabido é preceptivo para convocar folga facelo con 10 días de antelación, polo tanto non é casual que estas medidas as anuncien agora cando as aulas rematan o día 23. Máis unha vez, aproveitan o final do curso escolar para pretender aprobar medidas nocivas para o profesorado e a calidade do ensino.

A CIG-Ensino baixo ningún concepto vai aceptar ningún tipo de cambio que supoña empeorar as condicións laborais e profesionais do profesorado e a asunción de responsabilidades que non lle sexan propias. En consecuencia imos facer un chamamento a todo o profesorado á mobilización, sen desbotar a folga co obxecto de que a Consellaría retire esta proposta de orde.

Volver