A CIG-Ensino recorre ante o TSXG dúas sentenzas que negan o complemento de equiparación salarial ao profesorado especialista de sectores singulares de FP

Segundo datos dos orzamentos da Consellaría para o próximo ano o número de PESSFP, 637, practicamente iguala o de Profesorado técnico de FP a extinguir, 645, polo que a discriminación e o aforro da Consellaría é cada vez máis patente.

O sindicato maioritario esgotará a vía xudicial ao considerar que a Xunta introduciu unha diferenciación entre dous colectivos coas mesmas atribucións docentes e responsabilidades que non se axusta a dereito.

A CIG-Ensino seguiu nos últimos meses a mesma estratexia que lle ten dado froitos en ocasións anteriores. Presentou varias demandas xudiciais de persoas afiliadas do corpo de profesorado especialista de sectores singulares de FP solicitando o cobro do complemento de equiparación salarial que desde setembro de 2023 percibe o profesorado técnico de FP a extinguir, despois da súa aprobación polo Consello da Xunta en maio dese mesmo ano. De conseguírense sentenzas favorábeis estenderíase o dereito gañado nos xulgados ao conxunto do persoal afectado. De ser desfavorábeis e serlle impostas custas asume o sindicato esas contías ao entender que se trata dun tema de interese sindical. Agora, despois das primeiras sentenzas de dous xulgados do contencioso-administrativo de Ferrol e Pontevedra que lle dan a razón á Xunta, a organización maioritaria no ensino público galego vén de paralizar as outras demandas á espera do que aconteza tras presentar recurso diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. É o percorrido máis lóxico e o que recomenda a asesoría xurídica da CIG-Ensino que ten gañados múltiples dereitos con anterioridade como o cobro de trienios e sexenios para o persoal interino, o cobro das vacacións non gozadas e que computen como tempo traballado ou o recoñecemento médico para o persoal dependente de Educación.

En ambos os dous casos, as avogadas que representaron ás demandantes facían fincapé na discriminación existente no mesmo centro educativo entre o persoal do novo corpo de sectores singulares de Formación Profesional e o do corpo a extinguir de profesorado técnico. Indicábase expresamente que ambos teñen atribución docente nos mesmos módulos e ciclos, o mesmo horario e o mesmo tipo de alumnado. A Xunta, pola súa banda, esgrimiu a diferencia de corpo para negar o pagamento do complemento económico que, cómpre lembrar, aprobou no seu día para compensar a diferenza salarial existente entre o profesorado técnico de FP que se puido integrar no corpo de profesorado de secundaria e o que non. Argumenta o avogado da Xunta remitíndose ao texto do acordo que “ese complemento deseñouse para unha situación moi especial, temporal, da que non forma parte a persoa demandante. A vixencia do mesmo ten unha previsión temporal asociada á permanencia desas persoas nese corpo a extinguir, polo que o complemento desaparecerá cando non quede ningunha delas en servizo activo nese corpo. O complemento buscaba en certo modo compensar a aqueles que integrados no seu día nun corpo como funcionarios de carreira, resultan de súpeto afectados por un cambio drástico ou significativo do sistema de corpos docentes, coa extinción do corpo ao que pertencían e a imposibilidade de acceder, como otros compañeiros do mesmo corpo, ao corpo de profesores de ensino secundario, por mor da titulación.

O profesorado que ingresou no novo corpo de profesores especialistas en sectores singulares da formación profesional non se atopa na mesma situación. Desde o seu ingreso no novo corpo, os seus integrantes non se viron afectados por ningunha modificación drástica do sistema de corpos en comparación con outros profesores dese mesmo corpo de PESSFP. Reiteramos que o termo de comparación para alegar a discriminación non resulta válido. Mentres que un é un corpo a extinguir o outro non o é, polo que a aceptación da solicitude da interesada levaría consigo a consolidación indefinida no tempo dun complemento que nace cunha vocación de extinguirse”.

Malia que no auto de Pontevedra se recolle o artigo 137.2.b) da Lei de emprego público que di expresamente que “a contía do complemento de posto será igual para os postos de traballo con condición de traballo e exixencias de dedicación e incompatibilidade semellantes”, así como varias sentenzas do Tribunal Supremo que avalan que “o funcionariado público reivindique equiparación de retribucións de postos de idénticas función” acaba concluíndo que “este complemento non retribúe as funcións do posto (especial dificultade, características, etc) senón que se trata dunha compensación económica conxuntural (a extinguir), recoñecida a un corpo docente moi específico que vai desaparecer, polo prexuízo que lles supón a modificación normativa que provoca tal desaparición. Non se afecta con isto ao principio de igualdade. As situacións de partida son distintas”.

No caso da sentenza de Ferrol, a demanda da CIG destacaba que a demandante fora interina do corpo de PTFP antes do seu nomeamento como PESSFP e que, polo tanto, tamén existía unha discriminación entre quen xa era funcionariado de carreira no momento da aprobación da normativa de integración no corpo de PES e quen non. O xuíz dá por bo o argumento da administración que recalca que este complemento se creou para compensar o persoal do grupo A2 que, por carecer de titulación universitaria non se puido integrar no A1, e que só cabe a comparación entre estes dous colectivos e non coa demandante que, como profesora especialista de sectores singulares de FP, ten categoría A2.

A negociación política como vía para rematar con esta diferenciación salarial

O complemento que percibe actualmente o profesorado técnico a extinguir é de 152,08 euros/mes, ou o que é o mesmo, o gasto anual por docente apenas rolda os 2.100 euros para a Xunta. Ademais, mentres que no momento da aprobación deste complemento se recollía no propio texto do Acordo do Consello da Xunta que se beneficiarían 665 docentes, para o próximo ano os orzamentos da Consellaría contemplan que serán 645. Isto quere dicir que coas xubilacións producidas en dous anos, o goberno galego aforrará en 2026 o pagamento deste complemento a 20 persoas. Porén, o número de profesorado especialista de corpos singulares pasou de 0 a 637 neste mesmo período de tempo, a teor da mesma táboa incluída nos orzamentos. Así pois, na Formación Profesional galega nestes intres practicamente existe o mesmo número de docentes dun corpo que do outro pero mentres que un tende á alta o outro faino á baixa.

Para CIG-Ensino é cuestión de xustiza que non existan diferenzas salariais entre os tres corpos que imparten nestas ensinanzas e que a solución está, unha vez máis, na vía da negociación política, dado que o que lle supón á administración anualmente este complemento apenas supera o millón de euros, unha cantidade semellante á que a Consellaría gasta en calquera dos macroeventos que celebra case cada fin de semana para enxalzar as súas políticas.

Volver