A CIG-Ensino recolle máis de 2.000 sinaturas en menos de 48 horas opoñéndose á eliminación do período de adaptación en Educación Infantil

Nun escrito presentado hoxe ante a Consellaría esiximos modificacións á proposta de calendario no referido ao período de adaptación

A CIG Ensino presentou hoxe por rexistro as máis de 2.000 sinaturas, concretamente no momento de redactar esta nota 2.168, nas que o profesorado galego esixe que modifique a proposta de orde para o calendario escolar 2021/22 no referido ao período de adaptación en 4º de educación infantil (3 anos), tendo en conta os seguintes criterios:

  • O período de adaptación debe ser flexíbel no seu horario e duración.
  • A decisión sobre o período de adaptación debe corresponderlle ao equipo docente de Infantil coordinado co equipo directivo e resto do claustro docente.
  • A duración máxima non poderá ir máis alá do 30 de setembro.

A campaña de recollida de sinaturas segue aberta e desde a CIG-Ensino esperamos que o conselleiro escoite o profesorado nun tema que consideramos de vital importancia para o alumnado, xa que as crianzas no novo centro van atopar moitas diferenzas co seu medio e teñen que adaptarse. Este proceso, que pode variar segundo a crianza de unha a varias semanas, é fundamental para establecer tanto as bases dunha boa comunicación familia-escola como para acadar unha óptima integración do alumnado estabelecendo vínculos afectivos coas novas figuras de apego. É, tamén, un período onde o profesorado realiza unha fonda avaliación inicial destas crianzas e adopta as medidas mais axeitadas para a mellor inclusión de todo o alumnado.

Non podemos aceptar como profesionais da ensinanza que se nos diga que moitas crianzas xa chegan ao colexio desde as escolas infantís e menos aínda este curso, onde moitas familias optaron polos coidados familiares pola situación derivada da pandemia da Covid 19.

Parécenos improcedente que a Consellaría pretenda que a situación dunha crianza nunha escola infantil de 0 a 3 anos, cunhas ratios alumnado profesorado moito menores, sexa a mesma que a que vai  ter nun centro educativo no que hai moito máis alumnado e de maior idade.

O período de adaptación é fundamental polo ben das crianzas e  non pode depender, como pretende a Consellaría, da voluntariedade das familias que en moitos casos estarían condicionadas á hora de tomar a decisión de non realizar o período de adaptación polas súas obrigas laborais. Somos conscientes dos problemas derivados dun sistema laboral que non atende debidamente a conciliación familiar e laboral, mais os centros educativos non poden ser a solución á conciliación familiar e laboral.

Se aínda non asinaches, non o dubides asina

 

Volver